sombras
Entre outras cousas importantes, gardei silenzo sobre Kate e a cea do venres. Cando inspiro aínda a sinto. Ao parecer usa colonia sempre, gústanlle esas cousas, pero xuraría que o que levo preso no nariz é ela mesma e non adxacentes. Tal día como o venres ceamos no árabe e despois bebimos uns tóspiros con Jacarezinho e Audrey ata que fomos quedando sós o güisque e nós (ela, gin con limón). Decidiu apagar o coche e avisarme: apago o coche. Saín fuxindo, para enfrentarme coas miñas sombras a soas. Teño medo e ansias. Agora o minuto con Kate cotízase alto nos mercados internacionais do ouro.
que podemos facer?
Chimpi no café do venres estaba moi triste. Chimpi é das persoas máis flipantes que coñecín ultimamente, un motor de enerxía positiva e tenrura. Pero estaba tristísimo e dicía que quería marchar do país. Como ten un irmao en guatemala, temín o peor.
Que podemos facer? Tomar un café xuntos, mirarnos aos ollos, facernos cóxegas, coidar de ulises, aprender moitas cousas pra transmitirlle algunha vez, algunha delas, aos que veñen.
O venres saín de traballar prá manifa. Levei un cartel de confección propia, supoño que pra explicarme a min mesmo qué facía marchando con asasinos e cómplices. O Protésico Zen protexeume coa súa calor. Algún deles discrepou; outros espíritos felices sorriron cando era máis necesario ca nunca. O cartel, elaborado gratuitamente polo fotocopiador do barrio, dicía: 3 peruanos, 2 hondureños, 2 polacos, 1 francesa, 1 marroquí, 1 colombiano, 1 cubano, 1 chileno, 1 ecuatoriano e 1 guineano están mortos. Perdoádenos. Goberno responsable. Vale, sei que era unha conachada, pero a noite estaba fría e a alma máis.
Puxen guineano: como se chaman realmente os da bissau?
Necesito un lema pra ir esta tarde á mani, pra demostrar o meu gómito contra este goberno.
Necesito tamén algo de coraxe. Tamén necesito unha saba branca, e dous lestóns de piñeiro.
George Adriez Akaa. Simon Agbotaene. Darke Altacides. Sadia Ammbar. Raxid Anari. Mega Anghel. Els Bolasmuk. Baid Boulaaohaliz. Son algúns dos nomes dos feridos. Din na radio que os terroristas tiñan vintecatro anos. A miña amiga Apandadora colleu un tren ás sete desta mañá en Aluche, foi ata Atocha, cambiou e colleu o tren que vai para Fuenlabrada, como todos os días.
Ata estas palabras sobran.
Valerá de algo todo isto? Seremos mañá mellores?
Ao final, morrín e embaracei ao mesmo tempo.
A presión anguriante do cardias fíxose máis intensa conforme pasaban as horas. Por iso, mentres Kate e Jacarezinho ceaban pito ao curri, eu bebía insulsa auga mineral e miraba pra eles. A dor, causada polo estrés, cúrase con repouso e inspiracións longas, e por iso non fun traballar. Cada vez que penso no lavoro, o cardias sacódeme unha aguilloada.
Na noite, Kate, detrás dos vapores do caril, estaba radiante. Cando conseguiamos poñela colorada, inda máis. Falamos dos mercadillos, que ela ama, e de antigas parellas, e de músicos doutro tempo que eu loxicamente non coñecía. Soltou unha ou duas mentiras moi feitiñas e paveras. Agora, lembrando a noite, faime tanta gracia… Eu estaba malcombinado e levaba calcetíns brancos, só porque o día saíu así. Pero a dor tumboume.
Cando me ergo ao mediodía vexo unha mensa dela. Mensaxeamos algo e fixamos cita pra venres. Chimpi pasa visitarme pola casa. Hai tantas cousas marabillosas no mundo…
un deses días
Despois de durmir moi malamente pola dor de estómago, cando me ergo descubro que hoxe é un deses días. Por moito que o intento non consigo que as cores da roupa combinen. Chimpo o actimel de soia por riba. Sáltanme as bágoas coas noticias da radio.
Ou embarazo ou morro.
Así, sen til.
Aprendo nunha web lusófona que bicabala é un termo do creoulo santomense para definir todos os traballos que se fan, día a día, pra sobrevivir. Ao parecer a vida en San Tomé é dura e a bicabala necesaria.
Aquí tamén necesitamos dela. Despois do alustro do sábado, a treboada escurece no hora-a-hora. Empregamos o messenger, e os sms, pero cando Kate chama pra ir tomarlle algo a min dóeme o estómago. Teño a impresión de meter a pata ata o cardias, que me arde.
Incluso penso que o estómago é só angustia; doe como se o fora.
Antes, na tarde, merquei unha bombilla, pagueille un histórico pufo a Fufli, vin 21 gramos e carrexei o butano ao lombo. A bombona pilleina na tenda de Domingos. Gústame levalas ao ombro, sentirme viril un minuto ao mes. Fufli cada día máis simpático e feliz. 21 gramos, excesiva.
Máis palabras arrombadas. 12Uvas déitame lacha, vergoña. O eladio di que se emprega en sentido negativo: “non tes lacha”. E bolseiros de garcía sinala lacha como adxectivo referido a quen non ten vergoña. Alguén nega, confirma ou precisa?
Todonada déixame ringo: prenda de vestir, máis grosa ca un niqui e máis delgada ca un xarsei. De manga longa, adoita completarse con colo perquins. Eu tiven un colega que se chamaba ringo de bautismo. Non sei onde andará.
Calquera noite
Saio de traballar, sabendo que están TodoNada e Kate agardando por min no bar do portugués (xa pra sempre sen portugués). Dou un rodeo, porque quero peitear ben a crista na casa antes de que me vexan, e descubro que a lúa está completamente chea. Collo medo.
Despois imos ao cabaré, despois rimos, despois falamos, e despois pago voltas e ela paga voltas. Surfeamos bares e vou atopando ao longo da noite pecios de pasado. Sistematicamente. Cuatrero, amigos de Fufli, LC… LC, na terceira vez que me ve, dime que son o home da súa vida e bicámonos. Noto a romaría enteira da virxe da barca abalándome na cabeza. Centos e centos de persoas con cirios e rosquillas decidíndome o futuro co seu peso sobre a pedra.
Ao final, de madrugada, cando diante da tenda de Domingos kate apaga o coche, sinto unha inmensa relaxación na caluga. Cóllolle a dela e bicámonos. A rosquilla connection debeu ser decisiva para os romeiros.
Foi o día máis importante da miña vida. Espero que mañá volva selo.
