uganda

probas evidentes de que este mundo non ten traza de melancólico, recollidas no día de hoxe: unha, a mensaxe de kate, que se despide cun inestremábel ciao amigo.

Dúas, x.c. caneiro sae na radio reivindicando a nostalxia das cancións de roberto carlos e un entende por qué hai xente que, como o rei midas, todo canto toca se converte en solicitudes de asilo político.

Tres, ronaldinho revaloriza a catedral de santiago.

Catro, un sucedido: unha rapaza santiaguesa vai mercar un teléfono de contrato. como perdeu o carné, amosa o pasaporte. comproban o número na máquina, para saber se é morosa, e o que lles sae é que é ugandesa. Evidentemente, amena non lle pode facer contratos a cidadás ugandesas.

Que máis probas queren?

maternidade

Leo nesta xoia que ando a ler: “se a verdade é a nai do odio, a mentira será proxenitora do amor”.

quizais por iso, nesta noite especial soño que iop está embarazada e que por ese motivo a felicidade estoura no mundo como unha piñata. pregúntolle a peke, sabedora das fábulas de morfeo: estes soños adoitan indicar un período de espera bastante prolongado, necesario pra algo, probablemente pra completar un proxecto. unha área nova do noso potencial ou personalidade está desenvolvéndose. como supoñedes, as cábalas dispáranse como se saltasen á procura da auga marciana.

recaída

Alguén, dende google.co.uk, busca ‘Kate de Cesare’ e chega ata aquí.

laranxa

Co estrés destes días, non anotei a compra dun cedé fabuloso de Miquel Gil (tocan os meus amigos de pomada) e dun non tan espectacular de marlango. Tampouco dixen que vin un chavaliño moi xeitoso e suaviño, que me gustou moito, e que padece un inconveniente reintegracionismo (non podes quitar todos eses -bles?, dime).

Tampouco que fun tomar un viño con 12Uvas. Falamos de Londres, da emigración, dos restaurantes españois e dunha tenda cutreira en oxford street. Achéganse os días máis difíciles: debo devolverlle todo o que me deu nestes dous meses, todo o que aprendín. Pero de súpeto o aire é helio, e non me nacen os cariños.

Pasa o camión do lixo. A habitación aluméaseme en laranxa. Agora non.

mentira

Preocúpame a cantidade de mentira que hai neste blo. Nun momento dado, co episodio dos piollos patos (ou quizais antes), asumín o principio de verquer aquí toda a verdade do que me sucedera. Pero iso, claro está, é falso. Minto por non contar, minto por contar de máis, minto por aquelar o contado ou por darlle verosimilitude ao real…

Creo que confundín falta de pudor con verdade, e sen embargo, estas balas son o máis verdadeiro que fixen nunca.

gregos

Xa dixen que estaba a ler unha breve historia da mentira. Despois do exame da súa prohibición e dos seus tipos (agostiño de hipona, tomé de aquino, kant…), o libro cambiou de plano e pasou a loar a mentira. Ao parecer, os romanos tiñan os gregos por mentireiros integrais. Aprezaban moitas cousas, pero detestaban neles a inxente cantidade de falsidades e a falta de respecto total pola verdade. De feito, o libro fala de Ulises coma o protótipo do mentirán.

Sen embargo, para os gregos os que mentían de verdade eran os cretenses. Incluso Ulises, nalgunhas das súas múltiples mentiras, inventa que é de creta ou que vén de creta, nun paripé sobre a súa propia falsidade

Precisamente hoxe no café falamos das aldeas brutas e de que alguén debería ir un día á procura das xentes máis bestas: en santiago din que os de angrois; en angrois que os de touro… e así ata trazar o círculo. Ou o trisquel.

En realidade este post ía sobre os gregos; polas súas rúas en obras pasei unha das semanas máis marabillosas da vida. E se cadra ao final era todo mentira.

baleiro 2

Levo tempo sen bloguear. Nin escribo nin leo. Ando con demasiado traballo; comezo a estar farto.

Penso ao longo do día en moitas cousas pra bloguealas, e despois esquézoas. Un guionista de cine preparaba as películas tomando vermús con olivas nas terrazas dos bares. Non apuntaba nada, nin nas servilletas de papel. Dicía: se hai algo realmente bo no que se me ocorra, lembrareino.

Por iso eu chego cos dedos baleiros.

baleiro

Despois de botar todo o día discutindo se os quorums debían facerse por dous terzos ou tres cuartos, e a pesar de toda a felicidade do acontecemento histórico, sinto unha especie de baleiro.

Teño dous plans para saír, e ningún é capaz de vencer o meu cansazo.

Leo unha breve historia da mentira, e reflexiono sobre qué cantidade de falsidade hai neste blog, que eu nun momento dado escollín que contase todo, sen pudor. Unha das teorías do libro é que a mentira é inevitábel. Non é da autora, é de agostiño de hipona. Supoño que todo isto, en realidade, é unha grande impostura.

O camareiro portugués, que me ilusionaba todas as tardes coa cerimonia de ir, pedir unha cervexa, mirar, darlle voltas ao anel… foi asasinado por 12Uvas, cunha historia cargada de verdade (un mozo real, unha casa compartida, esas cousas verdadeiras…). Arrepío.

pátina

En breves pausas leo un documental en banda deseñada. Chámase Rural, e fala da construción dunha autoestrada (real) en Franza, e de como afecta unha explotación de agricultura ecolóxica. Hai frases temíbeis, planos estarrecedores, e unha especie de po das máquinas escavadoras que sae voando das páxinas e pousa sobre as alfombras da casa, os mobles e os peliños mouros de ulises.

Miro para fóra; quizais proveña o po desta mesma rúa: cortan pedra ruidosamente, raspan o formigón.

Recibo correos estraños, pero non me dá a cabeza pra lelos: un anuncia a presenza dunha nova vaca no blogmillo: Le Barrage. Parabéns gozosos. Mañá será outro día.

palabras retortas

Decátome de que os últimos posts teñen títulos preocupantes: sombra, abandono, solpor… busco e rebusco no fondo das vísceras, a ver se hai algo para saír para adiante. Pero non.
A sinusite crónica dificúltame saídas moito máis poéticas. Deixaremos que os eritrocitos fagan o traballo ao seu xeito. Non como estes da foto, esmorrentes a causa dunha enfermidade que milagreiramente non pillei.