Pésanme as pestanas. Hoxe foi un día mooooooi intenso pra todos. Lembro esa frase de que o verme lle chama fin do mundo ao que o resto do mundo chama bolboreta, e quizais por iso malia todo o cansazo arrombado, ao remate do traballo tomo unha pesicola no bar pra ver o camareiro portugués. No xa habitual local están só as donas e tamén Sandro (algo así). Vemos un pedazo dos serrano, en familia, e parolamos sobre o resto dos bares do barrio, todos con orixe en valdodubra, santacomba, tordoia… Sandro vira e vira un aneliño verde que ten no dedo e aos pouquiños mira pra min. Eu véxoo, así que tamén algo miro. Pode ser tan tenra unha pesicola con olivas…
Cando recollo e vou pra casa a seguir co traballo, penso no esgotador día e en que vin porse o sol entre nubes rubias, en vigo. Comeza a poallar frío.
Gugleo polos vermes, procurando o nome do mestre chinés autor da frase: en méxico din que Richard Bach, o abc apelídao Parreño. China xa non é o que era.
abandono
Había tempo dende un día tan magoante coma o de onte. Sen embargo, non pasou nada grave: só rachou un deses vasiños de vidro que temos nas entrañas e que recollen a joie-de-vivre. Por outra parte, multiplícanseme os problemas cutáneos, de diversos tipos.
Pra findala, baixamos tomar unha cervexa e ver algo o celta.
Entrou un ionqui no bar. Pediu, coa megamabilidade ionquiana, por favor, un bocata de balde. O camareiro, que é portugués, dubidou unha miga, pero a xefa fíxoo, non sei de que. Sentou a agardar ao noso carón. Pediu, por favor, un pito. Deullo Jacarezinho.
— Fuera sigue lloviendo?
— Segue
— Sabéis de alguna casa abandonada?
Non sabiamos.
Hoxe pensaba postear sobre os documentais de animais, sobre o orgasmo feminino (logo dunha conversa cun perito) ou sobre as relacións que atopei entre Lost in Traslation e Vacacións romanas, pero foi unha xornada de intensísimo e longo traballo.
Ao final o traballo mudou en viño, o viño en güisque, o güisque en haxix e o haxix en namoramento. Chego en mal estado á casa reflexionando sobre a miña sombra: logrei afacerme á miña crista fronte ao espello, pero non á traza bicuda da miña silueta negra sobre o chan. Aínda me sorprende.
Esta mañá o namoramento mudara en dor de cabeza. Por iso puxen a Carla Bruni. Xa sei que é pouco intelectual, ou incluso algo cutriñosa por mor do seu pasado teteiro, pero non me importa: abro a fiestra mentres apagan as luces da cidade, sinto a mañá contra a pel, almorzo unha laranxa e un amorodo pousado no peitoril e escoito que alguén me dixo que inda me amabas.
Poño calzóns lindos: se aparece o futuro quero estar preparado.
toquio
Jacarezinho aguillóame: tes que ir ver Perdido na tradución, pra ter de qué falar con Kate. Móveme máis sen embargo que TodoNada o declarase filme do ano. Malpocadamente non a vivo como elas. Fun na nocturna con Fufli e talvez o día me lastrase as pálpebras. Molestoume demasiado a historia de amor. O sentimento de soidade, de contemporaneidade, era tan terríbel, que me deixaba ao pairo que ao final houbese bico ou non. Nun momento, déitanse na cama e falan do felices que foran eses días no xapón. Eu debín ficar chantado na angustia, porque de súpeto non entendía nada. Se cadra eles tampouco entendían nada.
Cando eles están pendentes da despedida, eu preocúpome das luces, ou de por qué a xente berra dende as vanetes. Gústame, e gústame toquio. Quédame cravada unha estela de cerdeira frolida por baixo da unlla, pero discrepo de TodoNada. E tampouco sei se me dará moito pra falar con Kate.
Ao final vou con Fufli perrear algo á zona vella. Todo segue no sitio. Incluso o que non debería seguir.
desviación
Xente que aterra neste blo busca: ferretes, ferrol tetas, fodas com pretos, pirolas e musica do antroido. E como sempre, balas.
calvos
Paso a noite en nigrán, en casa de peke e bolli. Tentamos facer un blo, pero non nos dá tempo: interrómpenos unha saborosísima peituga de parrulo, rustridiña con xermolos de soia e arroz. O primeiro é o primeiro.
Falamos de moitas cousas, entre elas do blogmillo ou da intensa relación entre a fealdade e a militancia no bloque. Hoxe, xa de volta, vexo ao meu verdú comentar a xa vella teoría que vencella cabelo e presidenciabilidade, e síntome reforzado.
De camiño, na noite da AP9, estraloume o parabrisas entre a xiada do aire e a calefacción de lola. O asfalto dividiuse en dúas metades pola fenda: na superior o medo, na inferior o frío.
luxemburgo
Escríbeme berlín, dende Luxemburgo. Dime que se lembra de min. Luxemburgo está cheo de referencias ás orixes da UE. Penso que aquela vez en que me confesaches a túa paixón antiga por todo ese proceso non tiven ocasión de comentarche que a min me pasaba algo parecido. Foi, sobre todo, na miña adolescencia, cando defendía a nosa pertenza radical, profunda e inesgazábel a europa fronte a uns compañeiros do instituto, pobres vítimas da educación do concello de oleiros, que refugaban calquera vínculo con austríacos ou suízos vistas as súas actitudes profundamente burguesas, capitalistas e mesmo xenófobas. Sentinme incomprendido.
Fago chanza moitas veces da posibilidade de exiliarme. Ás veces non é tanta chanza.
estado puro
Fago cola no cine cun pastel de chocolate na man. A parella que está diante miña pide dúas pra zatôichi. Unha rapaza ás miñas costas puntualiza: saoiqui. Tócame a quenda e pido dúas prá dúas, porseas.
Non lembro qué comentaban os coblogueiros de zatôichi, pero era unha vella promesa a 12Uvas, así que alá vou. Saio pouco máis ou menos como entrei, algo emocionado sobre todo polo número musical final, que supoño que é o que lle pasa a todo o mundo. Jacarezinho infórmame de que o cretino de cine do xornal local cualifica Zatoichi de cinema en estado puro. Eu debo ser mixed state. Para alén dos planos e de certos elementos de musicalidade legoñeira, pouco gardo deste filme. Ah, si: a faciana de Osei, cando di creo que este quimono me acae ben. Abofé. En realidade, Osei é un belido artista de cabuqui, ídolo de adolescentes nipóns.
críticas
12Uvas, que é unha xoia desta terra, critícame os posts. Algúns gústanlle, pero en xeral parécenlle parvadas sen sentido. Incluso di que o do pó das bolboretas era unha franca horterada.
Concordo tanto con el que rimos e fodemos megacontentos.
A miña vida cambiou wapísimamente dende que Cesare existe.
Novidade: un novo blo portuxés, o come e cala, que promete sorprender e informar o leitor acerca das verdades e mentiras sobre nutrición publicadas na prensa. Non se me ocorre nada máis apaixonante, agás que modem e mandarinas regrese a este plano astral.
silencio
Quedo con Fufli pra cear, e cóntame dos seus éxitos e problemas con 20Vacas. Ten unha boqueira no fociño, pero o brillo do resto ocúltaa. A novidade, sen embargo, é que viste enteiramente de negro. Preocúpame esa clase de xente. Algo lles falla na chaveta íntima.
Axudado polo mencía, envíolle unha mensaxe a Kate, que queda sen resposta. Agora sei que estaba vendo Lost in Traslation. E aquí fico eu, perdido na tradución e cunha estraña dor no artello da dentamia que me impide abrir a boca e mastigar. Ás veces mándolle esguías olladas ao móbil.
Chimpi envíame unha ligazón onde se pretende demostrar que the real Frodo é gai. A polémica é vella, e por iso a recollo. Pero decididamente non é o meu tipo.
