crista
O caso que a viaxe a pontevedra impídeme asistir a unha prevista coincidencia espazo-temporal con Kate. Hoxe, ademais, Jacarezinho pinta en dous trazos un horizonte escuro e neboento. Mentres renxen ao fenderse as miñas células óseas, matino nunha estratexia de futuro. Guindar coa toalla? Agardar, como o vello do anuncio de iberia, a que pasen 25 anos pra acudir á cita? Queimarme ao bonzo no obradoiro? Lerá isto Kate e meteralle comments?
Estas cavilacións inútiles fanme estar de moi bo humor. Tanto, que vou á perruquería e cambio o meu peiteado despois de (meudeus!) oito anos.
laranxeiras oito
Vou nun coche para pontevedra, cunha cantante. Conduzo eu porque ela, como todas as boas cantantes, non sabe. Asistimos á emotiva presentación dun disco de 1904, que se reedita agora limpo e dixitalizado. Era aquel tempo de gramófonos. De feito, o disco de Aires d’a Terra gravouno unha empresa de gramófonos, que facía demostracións para espallar a invención. En lembranza, puxeron un trebello deses a virar enriba do escenario, pra que vísemos o seu son dourado. E o tempo detívose.
De volta na estrada, tralos pinchos, a cantante fala de Ricardo Portela. Hai xa anos ela coñeceu este vello gaiteiro, lanzal e galo coma todos os gaiteiros, nun acto público.
A cantante díxolle: encantada de coñecelo.
El respondeulle: Ricardo Portela, Naranjos, 8.
Esta absurda frase de dispoñibilidade pareceume relamente fermosa. Gustaríame repetila, pero en realidade nunca estou na casa.
Tamén falamos doutros gaiteiros, de dixitacións abertas e pechadas e doutros motivos nazonalpopulares que me quedan lonxe moi lonxe. Como as cousas das que fala Jean-Sol, e pregúntome, se non son folc nin roc, qué demo de cultura teño. Roc-poc? Jacarezinho sempre me di que teño cultura de notas a rodapé, e se cadra vai ser iso.
desobediencia (máis vacas)
Énganome e repaso os contidos do post que fixen dende valencia. Apetéceme meterlle algunhas ligazóns, e falar máis claro. Fágoo.
Ademais, debo anunciar a presencia dunha nova vaca no blogmillo, ou no demo que cultiven aló. Dende milleiros de quilómetros chegan as palabras de Caimán, que agora se fai chamar Dan Boden. Aínda ten o blo precario, pero xa logo o pon formal.
É tarde, e unha pinza apértame as vértebras. Máis atrás está Chimpi. Hoxe fomos xantar xuntos, a un comedor de rapazallada. El creoume a páxina auxiliar para meter as imaxes deste blo. E moveu tamén os meus peíños técnicos mentres TodoNada me auxiliaba no teórico. Moitas cousas divertidas lle teñen pasado a Cesare, gracias a Chimpi. E nunca llo dixera. Así que gracias.
de pánico
Porque volto, feliz. E malia todas as dores na caluga, vexo que Kate decidiu meter comments no meu blo e mais no de Jean-Sol.
Repaso unha e outra vez o significado das súas palabras, mentres me caen as bágoas de pánico pola frente. Signos estraños, palabras confusas…
Convido un cubata a quen mo estreme.
Xa lle adebedo un xapomenú a TodoNada e un cacharro a Vendell. Non importa. A ocasión meréceo.
embutido de sentimentos
Efectivamente, ao final atopei unhas lascas da valencia moderna, ao chegar a noite. Como era san valentín, resultou realmente complexo atopar unha mesa non reservada. Frustrei o tipismo ceando un cuscús e esgarraet de bacallao na barra dun bar, rexentado por unha arxentina. La Dorita, chámanlle. Supoño que Contra o coñecerá.
Á mañá seguinte fun ver o mencer á Malvarrosa, pero non cheguei por unha lástima. O sol aínda estaba baixo e vermello sobre a liña da auga. Incribelmente foi o mesmo sol baixo e vermello que se deitou a poucos quilómetros de Ávila, na N-403, ao pé dunha igrexa en ruínas e sobre uns campos de herba do barbeito.
Tomei café. Falei con gasolineiros e con pasteleiros. Incluso parolei un bo pedazo coa camareira coxa do Dorita e coa encargada do Museo do Arroz. Non sei qué máis se pode pedir para un día só. Ah, si: xantar cuchifrito en Tarancón, visitar a feira do embutido de Requena (con tortilla masiva incluída, nada que cobizar de cacheiras), contemplar ao caer da tarde as siluetas de toledo e de ávila recurtadas contra o mundo, ou camiñar pola rúa en camiseta.
E voltar.
cedilla
cheguei. teño o retrovisor de lola cheo de labra de emoción.
a miña vida pende dunha cedilla.
prometo contar.
unha navalla, un bico
Estou nun cíber, no eixample valenciano. Son o máis vello de todo o local, que está cheo. O meu colega de a carón di: xa vai, xa vai, cando mate ao puto Mefisto. Coidado, tony, que che cae o meteorito. Estas máquinas son cultura. Tony, ti tes neurona?, engade e dispara.
Onte pasei a noite na casa dos apandadores, en Aluche. Falamos dos tiles, das obras del (a piques de publicar unha novela), e de tantas e tantas cousas e novidades…
Cheguei a valencia de mañá, entre campos de amendoeiras frolidas. A cidade é moi fermosa, radiante. Ademais, hai un cutrerío subterráneo, coma o río turia, que resulta encantador. Xantei nunha cafetería-picería ao pé do ivam. Como estaba só, e era fiel ao feito verdú, achegóuseme o dono: oes, que película dan hoxe co periódico? Como refén desprendinme do cupón e regaleille unha colmea en troca dos canelóns.
Hai moitas cousas pra contar. Penso a miúdo en contra e en como falaba o outro día de vigo e valencia e valencia e vigo. Sen embargo, non atopo (de momento) a valencia moderna. O máis moderno é o conxunto tuning-zapas e a enésima ponte de calatrava, se iso pode ser moderno. O propósito da viaxe era ver a exposición de bacon. Deslúmbrame o pintor atouciñado, como xa me aglaiara no Porto. Agardaba máis cadros de inocencio X, pero gocei coma un pícaro cos seus corpos de pantasma. O peor, coma sempre, o vidro que protexe os lenzos: a sala estoura en refrexos e imposibilita ver a pintura na súa totalidade. Pero unha nota a rodapeza aclara: foi o propio bacon quen quixo ese vidro multirrefrexo para as súas obras, na procura dun distanciamento extra co espectador. Quizais teña razón.
Coincido sen sabelo co antolóxica de gargallo. Aínda non me recuperei da emoción. Levo na recámara cerebral as esculturas máis clásicas, máis gais, e os monumentos ao baleiro.
E xa pra rematar anoto unha frase promocional dunha coitelería, diante do mercat central: San Valentin. Una navaja, un beso.
a miña primeira vez
Outra vaca no blogmillo: o Quilombo.
Xúrovos que non o coñezo de nada (de momento). Ten imaxes desconcertantes.
Boa coraxe!
mali
Perdo o camiño da miña áfrica: oumou sangare dá un concerto na coru, pero confíome e esgótanse as entradas. mali cae nas semifinais da copa de áfrica, fronte a marrocos.
Porei a pulseira que me regalou yoyo pra durmir e soñar.
anguria
Levo tres días certamente infernais, dando tombos polo país endiante, redactando proxectos, facendo quilómetros e letras e quilómetros. Que di o fenxui das moreas de papel sobre a mesa? e das tarefas da intranet?
Contra fala bastante da anguria que (creo) lle produce o traballo. Ou só fala del cando o anguria, que tamén pode ser. TodoNada estableceu unha regra para si: non escribiría sobre o traballo no blo.
Eu, deica hoxe, tampouco o fixera. Non é por reserva, senón por aborrecemento. Pero desta volta, my way, vou ter que deixar pasar para aquí unhas frebiñas de lavoro, que se me meten entre os dentes.
Estou tan terribelmente canso que cavilo en non ir pra valencia na finde.
