e logo din que a porcelana é cara
Os tombos laborais tamén teñen cousas boas. Por exemplo, verlle as entrañas á fábrica de sargadelos. As mulleres moldean e carrexan pratos, cuncas e gaiteiriños en branco e azul. Voan os aerógrafos, os palés, as sacas de feldespato. Hai cousas terríbeis, e tamén marabillosas. Parece que na fábrica, fermosísima, quedou todo ancorado nos anos sesenta, cun sovietismo complexo que esixe gardar silencio, limpar o lugar de traballo e non sobrepasar a liña vermella das visitas. O forno está a 1400 ºC, que en farengai deben ser unha chispa.
O reloxio do tempo detense nesta illa industrial, rodeada de humidade por todas partes. Éntrame un orgullo breve, que axiña tento acalmar.
Benladen aplástame que xa toda galiza estivo na fábrica de sargadelos, pra que flipe menos. Se é así, e seguimos como seguimos, non temos amaño. E probablemente non o teñamos.
Cervo. ferrol. a coruña. ribadeo. oleiros. peto e peto no mar do norte e tento divisar ao lonxe o banco de Cortez, do que fala vendell.
Atopo a su-sanidad tomando auga mineral sen gas nun hotel rechungo, cunha señora peposa, de corenta. A auga, supoño, debe ser consello de torreiglesias.
Miro pra ese mar que está detrás do exministro; paso as horas mirando pra el e debatendo sobre pequenos e grandes proxectos, sobre cousas inverosímiles… Cando tento explicar o traballo á familia entendo o significado da palabra absurdo.
Sen embargo, nestes días ateigados recibo moitas cousas positivas. 5Line mándame novas dende andorra: deixou a tenda de armani, cambiou de piso e coñeceu un emigrante portugués chamado Náni. Que tedes os da coruña cos tugas? Precisamente berlín manda dous fotoblós de fráxiles macizos brasileiros: que se supón que debe facer un mozo? e quería estar contigo.
Tatexo diante do teléfono, volcado sobre o número de kate. Ao final non o marco. Fáltame vagar e sóbranme ganas de caer namorado.
Saio á fiestra da casa pra ver o avance das obras. 12Uvas está ao cabo de movistar, pecho os ollos e son a persoa máis feliz do mundo. Leva un par de días sendo xenial, pronunciando os mellores asuuuuuuurdos da súa vida. Na rúa xa meteron o formigón.
galleira
Sei que a ninguén lle interesa cando recollo neste blo palabras marxinais, porque antón santamarina non le este blo. Non me importa. hoxe apañarei unha que me deixou Fufli prendida nas pestanas: Ghalleira. El refírese cariñosamente á nosa nazón como Ghalleira. Gustaríame que alguén apuntase, comentase ou rexeitase esta acepción.
Imaxinai unha frase: non se está en ningún sitio como na ghalleira.
Esa frase é falsa, claro. Que me desculpe a diáspora.
Hoxe, nun infernal día de traballo (que prosegue) batín dúas veces coa realidade máis obtusa da ghalleira. Houbo tanto aqueloutre que nin tempo tiven de chamar a Iberia. Menos mal que esta finde marcho pra valencia. En coche.
Jacarezinho mira como posteo por riba do meu ombro. Sentencia: terapéutico. Menos mal que ri.
flutuación
iopanda conta moitas cousas de estremadura e restaurantes chineses durante a cea. O día remata, e aínda me agarda un plus laboral na casa, ademais de retesías con 12Uvas polo tamaño da provincia de teruel e cousas varias.
discuto con dukakis, pra que espabile, anque me doe.
lembro unha cousa que vin hai uns días nun blo portugués: como facer que un gato flutúe. Cousas como esas merecen este esforzo que ás veces supón respirar.
kate e o CNI
Apenas teño uns minutos pra min hoxe. Así estou blogueando a deshora. Pero Berlín mándame un agasallo marabilloso. Explícase el así (extracto): Aquí está o ambiente tomado polo glamur da berlinale. Non se pode un subtraer á presenza de tanto actor, tanto director, tanto espectador… tanto é así, que decidín rodar o meu propio filme. Dada a miña teima dos últimos tempos por sri lanka, decidín que esa sería a ambientación da miña creación. Mándoche unha ligazón do tráiler para que me deas a túa opinión. En VO lexendada, comme il faut.
E velaí. tarda unha miga en cargar, síntoo. Por suposto, non vou responder a pregunta.
Só engadir unha precisión, berlín, dende o maior agradecemento: Ceilán está no concello da Baña, e nesta web todas as fantas do mundo.
A 12Uvas detectáronlle de moi cativo diversos tumores no pescozo. Desa extirpación, realizada en varias cirurxías, quedoulle unha cicatriz que lle percorre a gorxa de lado a lado e que me causaba inquietude e misterio ao comezo. Repaso parellas do pasado: Fufli tivo grandes problemas respiratorios no postparto. Con tres anos, a Cuatrero sacárono a última hora do quirófano, cando o ían intervir por un desaxuste no nervio óptico que lle facía ver dobre e retorcer a cabeza. A min mesmo fixérome unha adenoidectomía sendo un pícaro.
Os vellotes da compracencia episcopal teñen aí un argumento prá pescuda: a anestesia temperá e a homosexualidade. Tamén podemos descartar a anestesia e centrarnos na sobreexposición aos focos cirúrxicos. Aí aparece a conexión co glamur.
Na tarde do sábado viñeron Ferre e María visitarme e aledarme a cabeciña. Faláronme da súa casiña e quedamos pra ir ao teixedal de Casaio a finais de marzo.
Despois ceei con 12Uvas no burriquín: di el que os xitanos composteláns acoden en masa ao mcdonalds, e que teñen tal habelencia pra pedir que realizan todas as mac-combinacións posíbeis pra obter máis ao mellor prezo. A eles gústalles iso.
Hai tempo que non falo do pantano. Lémbramo 12Uvas. Non sei se afundo, pero en calquera caso sei que non me movo, e na base do meu caletre creo que iso non é positivo. Deixémolo andar.
Miro o zapin do plus e os monicreques, e síntome atrapado. O mundo de fóra é moito máis moderno e interesante có da tele, que en realidade é o real. Un artigo de verdú aluméame sobre a teoría dos accidentes e a comunicación. Os medios de comunicación converteron de tal xeito a información en sensacionalismo que agora a realidade imita os medios e preséntase mediante sorpresas.
Por iso marchou Lotina, incapaz de nolas dar. Por iso inda non sei a quen votar.
Xamais detectamos tantos sobresaltos sucesivos, pero ¿quen dubida de que este é precisamente o estilo do mundo?
día pra namorar
Hoxe é un deses días en que podo namorar a cada instante. Neses días coincide tamén que me dá por chorar lendo os deportes do xornal (hoxe ao mirar esta foto de Oliveira). É un rollo que me pase en público, pero ás veces acontece.
tomei un vermú no bar ese que está preto da miña casa, pra mirar pró barman. malpocadamente, parece pouco intelixente e pouco habelencioso. É a segunda vez que me bota unha cunca de caldo por riba en dous días. se cadra póñoo nervioso. Non o creo.
menos mal que chegaron jacarezinho e audrey para tirarme desa pousafolía.
disposto a namorar, agardo na casa, e traballo. Kate, será mellor que hoxe non me chames, pois namorarei.
panis et pirolas
Vaia rebumbio que se armou por unha teta. TodoNada fala ampla e atinadamente da cuestión. A miña referencia no imperio comenta outro tipo de censura sexual. Nas teletendas estadounidenses venden, como non, trebellos pra alongar o pene. O que lle chama a atención a Wonderboy é que empregan toda caste de eufemismos pra non dicir pirola, nin pene, nin sequera membro… Pretenden estirar esa parte do corpo masculino, se o meu poorenglish non me falla.
Non lembro a linguaxe da teletenda ibérica, pero procurarei estar atento a ver se lle chaman ao pan pan, e á pirola pirola.
Por certo, wonderboy enzóufase despois no seu post nun estéril debate sobre tamaños. Négome a comentar tal cuestión e alimentar con morbo este blo.
Pra iso tedes o blo dun inglés que vive en Nova York e conta como lle foi con táboas de exercicios pra estirar o pixo.
