irritación

Nun momento de pausa mentres almorzo dáseme por realizar un pouco de hermenéutica e busco o verbo irritar en El País. Non o fago de forma sistemática, e ademais a ferramenta de busca é algo zoupona, pero o azar é o azar, e non deixo de flipar ao saber quen comete ese irritante pecado de irritarse.

  • Cataláns: 7 (tripartito 3, ERC 2, CiU 1, outros cataláns 1)
  • PP 2
  • Relixiosos musulmáns 2
  • Rusos 2
  • Israel 2
  • Rexións mediterráneas 1
  • PNV 1
  • Nacionalistas en xeral 1
  • Outros 1 (un candidato a reitor na universidade… vasca!)

Na análise deixei fóra o terreo dos deportes, onde a xente adoita irritarse con facilidade.

tempos

Boto uns días fóra e todo é revelación: ata a cerdeira de diante da casa está xa case frolecida. As gabitas xa deitaron os ovos e andan a chocalos, e a luz estende as horas ata moito despois do peche das tendas. Descanso e leo un brevísimo libro de banda deseñada, un deses pequenos nucleolos sobre relacións de parella que provoca momentos tan cariñosos e deliciosos como efémeros. Así din tamén que é o amor. Pero Barataria, a pesar da distancia, malia os múltiples impedimentos, malia a chegada da terceira primavera, segue firme nisto. E eu máis.

homonimia

No coidado do convalecente Barataria ocórreseme ir a un supermercado grande de Parque-temático-cervantes, rotulado en trilingüe español-polaco-romanés, e mercarlle algo de peixe. Apaño un polbo, e prepárollo á feira. Mentres está cocendo na pota, vén un rapazote do barrio, que traballa nun laboratorio de menciñas e que, ao que se ve, gasta as tardes nun dos ximnasios da vila. Cando estamos no choio, interrompo o ferrete varias veces pra ir picar o octópodo, pra botar a cocer as patacas ou pra arredalo do lume, pero ao final o resultado global dun e doutro polbo é máis ca satisfactorio: a casa queda arrecendendo a carballiño, seme e colonia de barrio.

música

Nunha pausa do noso repouso de prescrición médica imos ver algo de danza á veciña Villabase: alí onde Parque-temático-cervantes é conservadora e señorita, Villabase é obreira, progresista e proamericana. A danza, baseada en poemas de gloria fuertes (mal escollidos e peor recitados), é bastante espantosa, pero como é breve, é de tarde e estamos nun teatro socialista de Villabase levámolo ben e divertidamente. Ao saír batemos cun cartel: un “festival pola integración” organizado polo esquerdista concello local, coa actuación de Violadores del Verso e Jota Mayúscula. Chegamos xa unicamente a Violadores, que fan a mesma base e a mesma rima cá primeira vez que os vin, hai uns dez anos. Profundamente conservadores, reivindicadores do ‘auténtico’ hiphop, lanzan proclamas contra raperillos, fascistas e políticos a partes iguais, que é pouco máis ou menos o que se agarda deles. Cando nos fartamos de mirar pra rapazolos de ollos brillantes, recollemos e saudamos ao marchar os únicos “non-españois” da carpa, os únicos “integrados”: os seguratas polacos.
Dedicado a JH

doira

Sempre crin que o que máis me gustaba da escrita de Uxía Casal era que non parecía galega, senón alieníxena. Algo do mesmo sinto cando leo fugazmente as páxinas d’A idade da auga, de James Salter, a primeira novela deste escocés de glaspop, editada directamente en galego e centrada, en boa parte, na Cidade. Relatos fermosos, alieníxenas, escritos de xeito que esa paisaxe que recoñecemos como propia sexa ao mesmo tempo calquera paisaxe e todas as paisaxes: unha cidade de ciencia-ficción, de algoritmos e casualidades; unha presada de contos que se esfiañan, que nin empezan nin acaban, como snapshots dun edificio reflectido nunha pinga de auga. Non son historias extraordinarias: só a discreta e húmida ficción do común.
Caen as últimas páxinas mentres o avión desce sobre ciudad-ajo: ao meu redor a xente berra, excitada, discutindo sobre embarazos, compras de empresas gasísticas e series de televisión. Van ser uns días importantes co semiconvalecente Barataria.

lilas

Con todo o destes días, non teño vagar pra preparar a viaxe como cómpre, pero vexo nun repente que hai entradas libres pra un concerto dos tiger lillies, e vou. Coñecín os tiger lillies de casualidade hai uns meses, pero non imaxinaba que tan axiña podería ver un espectáculo deles, un dos seus cabarés sobre os sete pecados capitais, algo escatolóxico como lle cadra a esta illa, pero divertido. E un chisco máxico tamén, non sei se pola música do banjo, polo clarinetista con ás de anxo, polos monicreques homosexuais ou porque nese pequeno e vello teatro estabamos unhas travestis tomando viño e mais eu. E era londres.

xudeus

A sorte, ou máis ben a torpeza, levoume ata unha pequena vila do noroeste de londres chamada golders green, o típico sitio estupendo se tes unha bicicleta pra ir e vir. E eu téñoa e subo dende o centro case unha hora dándolle a peito, esquivando os autobuses e deténdome nos semáforos. Tamén baixo veloz, e gústame esta sensación dun londres que pasa rápido, aínda que ás veces neste correr se perdan os detalles dos paporrubios nos cancelos dos camposantos, ou os postos de froita con nésperos e vintecinco tipos de pementos picantes.
Golders Green é unha vila de xudeus e de xaponeses. As tendas onde podes mercar peixe cru ou pastel de arroz alternan coas pizzerías onde unha vez veu o rabino a bendicir o forno. E os nenos levan chapeus negros de aba grande, e neles refléctese o misterio da convivencia.

upper london, 2

Mentres Barataria se desincha cun tubo fendido no costado, eu baixarei ata londres. Parece unha mala arte pola miña banda, pero non é tal: hai razóns loxísticas, laborais e incluso familiares que así o aconsellan. De feito, tiñamos planificada a finde pra vernos nesa antiga capital do mundo, mais non vai poder ser. Irei eu só, coa miña bicicleta, a facer quilómetros pola zona norte da cidade. Será a primeira vez que durma nela. A primeira tamén que esperte contra ese horizonte de casas vellas onde se acugulan tantas ficcións antigas. E el nin sequera o saberá: a urxencia colleuno do outro lado da trincheira da sanidade pública, onde por haber non hai nin wifi.

pneumotórax

Unha das cousas malas da distancia é que a un dos membros da parella lle dea un súpeto pneumotórax e o outro estea 2000 millas lonxe. Tubos ao pulmón, choreiras, consultas rápidas en todas as webs das compañías aéreas, quirófanos, incomunicación… Ao final o pneumotórax parece que evoluciona: é decididamente unha lata, e mais neste momento, pero o que non fai a pleura non o completa o amor. Deixarei que a familia atenda a Barataria esta fin de semana. Á seguinte ocupareime de ser o marido perfecto.

nils

Neste país os días teñen sete estacións e os anos só dúas: a estación ansárida e a anansárida, e xusto agora mesmo atopámonos no paso da primeira prá segunda. Como dixo a señoriña que nos deu un pequeno e decepcionante curso de observación de paxaros o sábado, os gansos están coma nós cando nos preparamos pra unha gran viaxe: inquietos. De cedo arrincan a voar e cando fan unhas cantas millas acórdalles o gas aberto, ou que non lle deixaron as chaves á veciña pra que lles mire o correo, e voltan. Tamén pode pasar que saian co sol da mañá e volvan coas primeiras folerpiñas do serán, nestas neves mornas de abril. O caso é que os da lagoa de kilsyth están aínda aló, coas patas no eido, grallando, mentres eu fago as xa habituais 15 millas entre Glaspop e Croy. E mañá, mañá será outro día, e quizais toque irse pra grenlandia.