diversos

Diversos son os homes e diversas as falas, pero conviñeron todos nun mesmo conxunto de poeiras, humidade e beirarrúas levantadas. A cidade mediterránea, que se chama lisboa cando se arruína cara ao oeste ou real-atenas cando toma café frappé, adquire tamén moitos outros nomes nas fases intermedias. Así é tamén Rastalona. Desta vez a viaxe esténdese dende o oeste (en realidade o sur) ata o leste (en realidade o norte), e todo é un continuo de infinitas variedades de ocres, con tantos matices como constantes comúns. Nesa poeira confusa que serve de escenario pra grandes combates dos medios de transporte, combínanse as linguas, as tenduchas de envío de diñeiro, as tendas caras, as toses dos vellos emigrantes andaluces ou a extraordinaria beleza dos adolescentes, dourados e sen desbravar.
Diversos son os pobos e diversas as falas, pero conviñeron todos nunha extensa cidade mediterránea, ruidosa, fatigante, húmida, pegañenta.

ryan

Non me refiro ao señor ryan que montou a compañía aérea, senón ao soldado, aquel que caeu ao outro lado das liñas inimigas e había que ir rescatar. A estadía en Rastalona permíteme acudir a un acto da comunidade galega na cidade. Naquela sala había unha ducia de soldados ryan, completamente illados. Visitan a ghalleira todos os vraos, incluso en ocasións con máis frecuencia. Mercan libros en galego, xúntanse con outros soldados ryan, falan con eles, comen polbo á feira e permanecen no que aparentemente é o maior dos contactos posíbeis. Pero inexplicabelmente cando van á ghalleira tamén viaxan no tempo ao ano 1965, ao 69, ao 74. E o diálogo con eles é tamén unha conversa con alguén conxelado dende hai trinta ou corenta anos.
E o peor é que os marines ghalleiros non teñen pensado rescatar o soldado ryan. Quedarán xa, pra sempre, perdidos ao outro lado da liña inimiga.

seguridade incremental

Por estes azares do destino, acabo caendo na comisaría de policía de Cornellá (nas aforas de Rastalona), pra renovar carné e pasaporte. Hai pouca xente, e agás as dúas ou tres cousas típicas (os cataláns sempre insisten en escribir Chesare, con ch, por exemplo), todo era bastante relaxado. Nun momento dado vaise a conexión (”levamos así toda a mañá”, di a que me atende, querendo en realidade dicir que levan así dende 1996), e cando regresa a tarxeta que lle permitía a un dos funcionarios acceder á base de datos dos corenta e pico millóns de cidadáns, estaba estragada. A xefa dálle unha nova, o paisano métea, e comeza a traballar. A xefa marcha, e xa dende a porta da comisaría, e cun berro potente escoitado polos trinta ou corenta arxentinos, galegos, andaluces, bolivianos e marroquís que estabamos alí di: y cuando te pida el pin, le pones 1, 2, 3, 4.

fadas

Jay é certamente tan feuchiño como calado. Vive nunha vila próxima e chega nun plisplás aproveitando o día que lle conceden libre no corteinglés local. Ten a pel grimenta, como de batracio, e moi estirada pola súa extrema delgadez. É alto, pero tan lixeiro que se diría que o único que evita que o leve o aire son as tres ou catro tatuaxes discretas que ten ciscadas polo corpo e os pirsins da orella e da lingua. Ten os dentes, ademais, distribuídos na boca como quen bota barro á parede, aquí uns e acolá outros, os máis deles retraídos ou revirados, e os xestos da cara é como se en vez de falar roese limóns.
Pero nada máis pechar a porta da casa xa o teño enriba, e non me dá tempo de paralo. Tampouco quero. Porque ao que se pon move as mans con bastante precisión, non lle fai noxos a nada, e emprega o pirsin con calidade e contundencia cando ma zuga como ningún outro escocés fixo antes. Ao rematar, quedamos por uns segundos deitados sobre a cama, coa cabeza caendo polos pés, rindo. Pero iso dura só un intre, porque axiña se está vestindo coa súa roupa do corteinglés local e liscando, sen apenas dicir nada que desvele o misterio da súa fealdade, da súa habilidade.

filántropos

Durante os últimos cincuenta anos, un grupiño de mozos impulsou e dirixiu unha asociación de fins tan positivos e interesantes como difusos. Nela gastaron a maior parte dos esforzos da súa vida. Algúns son xuristas, outros enxeñeiros solteiros ou avogados filatélicos, e todos eles comparten un mesmo background aristócrata e conservador. Pero a bioloxía fixo o seu traballo e agora sobardan os setenta, afunden os ollos amarelos e falan de moitos dos seus amigos con enpazesteas ou diolosteñanaglorias.
De diversos puntos do planeta acudimos a Ciudad-Ajo os salvadores, xente moi distinta que compartimos vagamente algunhas das súas ilusións arcaicas. Chámannos pra que gobernemos a asociación na sombra, levando o peso executivo e deixándolles aos velloucáns a sensación de que aínda están ao mando. Sobre o papel, a manobra é perfecta. Pero vai ti saber qué pensan en realidade os filántropos sobre a filantropía.

actualización

Vou á Biblioteca Nacional (de españa) pra facer unha pescuda bibliográfica. Aquela xoia recuperada por Brétemas picoume na gana de coñecer e quería consultar a colección enteira de Pepe el Hincha, saber qué outro tipo de tópicos nacionais empregaba ou como de insistente era na galeguidade da chacha. Era a única mañá que tería dispoñíbel en moitos meses, así que me erguín cedo en Parque Temático Cervantes e baixei cara a Ciudad-Ajo: amencía sobre as cabezas dos emigrantes que me acompañaban no tren e sobre as naves dos transportistas. Antes da hora estaba xa na porta do amplísimo edificio, coa miña maleta lista pra facer a viaxe de volta a chucheland unhas horas máis tarde. Pasei un, dous, tres, catro controis de seguridade onde só me faltou espirme e por fin cheguei a cubrir a miña fichiña rosa pra consultar o Tío Vivo de entre 1961 e 1964. Cando lle entrego a solicitude á bibliotecaria, esta respóndeme que non pode ser, que a revista non está alí senón, diaños, na sede da biblioteca en Parque Temático Cervantes. Eu dígolle que ten que haber un erro, porque no catálogo informatizado que pode consultar o público se di claramente que se conserva alí, no edificio principal, e non no outro. Ela mira pró aire e, sen pedirme desculpas, sentencia: ej que s’han olvidao de actualizarlo.
Uns minutos despois estou na porta da biblioteca nacional, enriba da grande escalinata, entre as xigantescas estatuas de nebrija e afonso x. Ao meu carón teño unha maleta azul, coas rodas medio avariadas. Diante unha frenética cidade capital e unha mañá baleira.

heteros

Unha novela gráfica de heteros e que acaba ben. Hai uns anos sería difícil imaxinar que o Diván da psicóloga é obra de Ralf König, agás polos debuxos de narizotas e pirolas. En realidade, ten bastantes máis semellanzas das que parece a primeira vista e inclúe todas as frases e tópicos que lembran as súas obras anteriores. A trama é simpleira, si, e inclúe demasiados fíos mortos, pero os diálogos e os personaxes medran en complexidade (quizais por seren heteros) e inclúe importante información sociolingüística que faría as delicias da Mesa pola Normalización do Fráncico. Con todo, o que me trouxera ata el, a busca da gargallada, é moito máis tenue agora, e motívaa máis a lembranza dos risos pasados cós diálogos deste Diván da psicóloga. Malia acabar ben.

Máis sobre König.

again

As follas enlamadas, os faisáns, a luz deitada dos días, o frío nas maus, os negróns de facer esgrima, os novos clientes… damn it, a isto creo que se lle chama outono.

pixamas

Veu Nenoarzuán estudar algo de inglés a embiburgo, e como a primeira noite non ten onde parar queda a durmir na miña. Hai anos que o coñezo, pero só o vira diante un par de veces máis. Na primeira, era aínda un chavaliño rebuldeiro de dezaseis que empezaba a xestionar iso de ser gai en arzúa. Agora, tempo despois, está moito máis guapo, leva no fociño un aro deses de arriar dos porcos e uns estupendos e relocentes coloretes país. Contámonos algúns contos, explícolle como funciona todo isto (os coches polo seu lado, as kettles, os enchufes de tres aguillotes…), el fálame da súa divertida vida, e logo imos ver (si) O neno do pixama a raias. Non lin o libro, e o filme non ten mal ningún.
Despois marchamos prá cama. Eu quedo durmido antes, nun suspiro, e non o sinto deitarse. Á metade da noite esperto e véxoo alí, ao carón, cos seus fermosos ollos pechados, os seus piercings, as súas tatuaxes e o seu pixama. O dilema é claro: pódese mallar a pirolazos a unha persoa en pixama? Non será mellor resolvelo con apertiñas e caloriña casta? O sono vénceme de novo e sácame do apuro. Á mañá, coa luz que entra da fiestra, todo muda. Dúchome, prepárolle o almorzo, limpo na casa e espértoo pra unha excursión pola montaña. El sabe perfectamente que case o dobro en idade.

congostras

Aproveitando que teño coche por unhas horas, quedo con Iain, un rapazolo de dezanove de Corno de Rei, unha apracíbel aldea aberta ás praias do mar do Norte. Recólloo na parada do bus e lévame a un fodedoiro apartado na montaña. Iain é loiro e branquiño, e aínda que ten as partes da cara algo desordenadas, é no seu conxunto fermoso. Ten boa pirola, unha voz forte, a pel tersa de dezanove, a angustia de que alguén camiñe tres millas na noite pra asexarnos no coche, e o triste noxo ao seme. Pero ao cabo, o ferrete con este traballador de marks&spencer non ten moita queixa, e eu marcho contento pra deixalo de novo na casa. As estradas que baixan da montaña son estreitas e retortas baixo a noite, e lembro felizmente os fodedoiros galegos: as mesmas pistas, os mesmos raposos agochados nas esquinas, os mesmos fentos, o mesmo recendo a noite fresca que entra e se mestura co aire do coche, suoroso, lefarento. Eses momentos son os que xustifican a existencia.