Arquivo de tags

revivo

Nestas últimas tres semanas sucederon moitas cousas, que agora dispostas unha detrás da outra semellan acontecer a unha irreal gran velocidade. Unha delas é que Barataria volveu pra Ciudad-Ajo, onde estará provisoriamente ata comezos de novembro. A vida con el é magnífica e sorprendente, e actúa sobre min como un contrapeso necesario. Pero os negocios son os negocios, e vai haber que habituarse a ter bisnes en rede, amigos en rede e quizais tamén a vida un pouco en rede, atacando con amor e ryanair a capa de ozono. O outro gran sucedido foi a mudanza de horario: agora érgome antes da alba e marcho prá cama cedo, non moito despois das dez. Non sei se será unha boa idea: quizais todo acabe en suicidio botándome de cabeza ao camión do lixo, unha destas escuras madrugadas. Pero por agora o traballo oficial vai furrulando, e o que se resenten son as actividades nocturnas, a divagación vespertina diante do computador: este blog é unha delas.

comeback

Aínda antes de raiar o día collerei un coche de alugueiro e porei proa ao sur. Ás oito chega Barataria ao parque-temático-beatle, disposto a pasar cando menos todo o resto de agosto aquí comigo e a preparar o seu desembarco definitivo en outubro. E o nerviosismo non me deixa durmir dende hai catro días.

tempos

Boto uns días fóra e todo é revelación: ata a cerdeira de diante da casa está xa case frolecida. As gabitas xa deitaron os ovos e andan a chocalos, e a luz estende as horas ata moito despois do peche das tendas. Descanso e leo un brevísimo libro de banda deseñada, un deses pequenos nucleolos sobre relacións de parella que provoca momentos tan cariñosos e deliciosos como efémeros. Así din tamén que é o amor. Pero Barataria, a pesar da distancia, malia os múltiples impedimentos, malia a chegada da terceira primavera, segue firme nisto. E eu máis.

pneumotórax

Unha das cousas malas da distancia é que a un dos membros da parella lle dea un súpeto pneumotórax e o outro estea 2000 millas lonxe. Tubos ao pulmón, choreiras, consultas rápidas en todas as webs das compañías aéreas, quirófanos, incomunicación… Ao final o pneumotórax parece que evoluciona: é decididamente unha lata, e mais neste momento, pero o que non fai a pleura non o completa o amor. Deixarei que a familia atenda a Barataria esta fin de semana. Á seguinte ocupareime de ser o marido perfecto.

inflexión

Non lle deamos máis voltas: a razón principal pola que non actualicei as balas neste longo período (o máis longo ever) foi puramente modernista: durante estas semanas non tiven habitación propia. Á visita de Ferre seguiulle inmediatamente a de Barataria, e ao día seguinte de Barataria marchar xa estaba aquí Henri. Por debaixo, ademais, continuaba o río de tristísimo traballo que fluirá ininterrompidamente ata comezos de maio.
Tamén, e pensábao hoxe mentres paseaba a soas polas brañas de embiburgo, existe unha pequena fractura lingüística: o galego é a miña lingua, e nunca dominarei outra coma ela, aínda que dedique todos os esforzos da miña vida. Pero o inglés comeza a ocupar cada vez máis espazo do meu cerebro, a moldearme algúns recantos, a mudarme frases e estruturas. Empezo a sentir o reto de que estas balas sexan bullets. Pero aínda non estamos en disposición técnica de facelo.

inicio

Carboneras

 

Praia de Carboneras (spain). Primeiros instantes do primeiro día do ano. Sol. Logo area. Tamén primeiro baño no mar. Con Barataria.

alcarria

Gastamos o sol pleno e friento da mañá paseando entre a xiada dos outeiros secos que arrodean o parque-temático-cervantes. A escusa é o paseo da chula, unha cadela pinta que lle queda a Barataria, en quendas de fin de semana, dunha relación anterior. Despois das nosas boas horas sorteando ciclistas e vellos con transistor, chegamos á casa e poñémonos a traballar. Nesas, cando a tarde xa vai devecida, chega un mozote trompetista na banda municipal dunha aldea de guadalaxara. É de agardar que toque a trompeta mellor do que a zuga, pero no conxunto non está mal, e ao remate cóntanos interesantes historias do tecido bandístico da comarca e dun ferrete que meteu non rocho en humidtown, no último santiago. Eu quedo na casa, posteando, Barataria vai darlle un último paseo á cadela, pero a el quédanlle 50 quilómetros deliciosos por estradas secundarias, por entre as estevas alcarreñas, e co ventre olendo a seme. Hai se cadra algo mellor?

cetrería

PeneireiroPra acompañar os seus amigos por un periplo preguiceiro pola contorna, regresa fugazmente Barataria. Pouco tempo nos deixamos pró contacto: algúns paseos de mans dadas por st. andrews á procura de baleas no horizonte, uns minutiños antes de quedar durmidos no colchón inchable da sala, algúns momentos máis mentres rimos e facemos a casa aireando todo o fume que deixaron os amigos… Tamén algunhas herbiñas de sexo, rápido e intenso, en momentos furtivos, no coche de alugueiro ou no inchable.
Cando marcha co punqui cetreiro e coa enfermeira de volta no mesmo avión, teño a impresión de que, malia as dificultades loxísticas evidentes, esta relación vai pra longo. E anque me reconforte, o peso sobre os ombros asústame unha miga. Por iso, ao que os deixo no aeroporto quedo rapidamente cun rapaz en Glaspop, pra espabilarme. Pero ao igual que o control do peso da ave son fundamentais na cetrería e as aves demasiado mantidas non regresan ao puño, aquela habitación de estudante de informática, olendo a iso que olen as habitacións de estudantes de informática, amais das lorzas e dunha voz un tanto desagradábel, fan que me escuse malamente e dea a volta pola estrada.
Son un peneireiro demasiado cheo de felicidade nestes momentos.

reconfiguración

Robinson CrusoeUn encontro fortuíto con Iop polas rúas de vilamarple dáme pra encadear unha serie de queixas, laios e estados da cuestión que levo larvando nos últimos días e que non daban visto a luz. O vindeiro domingo Barataria deixará vilamarple, a casa común e as salchichas dos almorzos. Vaise pra Ciudad-Ajo, a sacar un negocio que ten alí en marcha.
A promesa é volver aos tres meses, pra despois do nadal, cando estea todo encarreirado. Pero o conto é que viaxa sen billete de volta: marcha pola pasta, porque lle desagrada traballar de pinche nun restaurante e porque alí ten un algo laboral que o ilusiona. Eu créoo porque non me queda outra, pero por debaixo da pel sei que só é parcialmente verdade e que, sen cargarme de culpas que non me cadran, este país non ten xente en chanclas, nin pinchos de tortilla, nin pirolazos en cada esquina. Este é un país do norte, que leva entrando no outono dende o remate da primavera.
Así que esta fortuíta conversa con Iop sérveme pra ordenar os pensamentos e facer plans de futuro: buscar un segundo traballo pra pagar a vivenda e o imposto catastral, reordenar o horario (regresan as ceas ás cinco da tarde) e, en tres meses, mudar o estado nas webs de contactos: de casado a solteiro.
Claro que ás veces do amor se desprenden lascas de milagres.

repatriación, 2

O peor de todo foi a conversa con Barataria. Sorprendentemente il quere ir prá descoñecida ghalleira, que imaxina como un paraíso de recursos laborais, lonxe desta terra que lle deu seis traballos en catro meses, anque fosen na hostalaría. Unhas cousas levaron a outras e acabamos na eterna discusión sobre o ir e o volver, ata descubrir que a persoa coa que me deito e a quen lla zugo é un apaixonado de volver, do vrao, do café con xeo e de andar en chanclas. E claro, ese discurso automático que lle boto a amigos e alleos sobre a vida e sobre que a miña discoteca me necesita, pero fóra, esborróaseme diante dil e das súas morriñas da granvía.
A vida deume unha oportunidade pra traballar neste país do friquismo institucionalizado, pra saír daquilo e pra acabar cos meus ósos nun despacho de lausanne ou depelicando peixe nos peiraos de lagos, como soñaba un rapaz de dez anos cando viraba e viraba e viraba a esfera que lle regalara a avoa purita. Entre o remuíño desa esfera, situada agora na base do esófago, e unha boa presada de billetes e retos profesionais na AP9, decidinme pola esfera.
Agora veñen os deberes: sacarlle proveito a isto, poñer candeas a santo antón pra que o meu Barataria non canse demasiado cedo, zugarlla máis e mellor, facerlle ceas máis gorentosas, adiar a toda costa o momento de elixir entre o remuíño e il. E despois, un día, escoller.