Arquivo de tags

boa vida


Dentro dunhas tres horas, nun avión procedente de Ciudad-Ajo, Barataria aterra en edinburgh. Se as cousas saen como conto, estarei agardando por el cun ford ka de alugueiro cheo de mobles do ikea.
Vén pra quedar. A ver se non a fodo.

convivencia

Barataria veu pasar algo máis ca unhas vacacións. Este venres botámonos a procurar piso; eu seguirei o luns, co deadline do venres pra instalarme nel; Barataria virase prá fin do mes a buscar a vida.
Non sei se me é maior o medo ou a angustia. El tamén os ten (os dous), e de aí medrou a nosa primeira gran discusión en dous anos.
Así que agora, con trintaepico anos e a saúde daquela maneira, unha nova vida comeza. Aguén.

mancha

O sábado erguémonos moi tarde Barataria e mais eu: o avión xa chegara a Ciudad-Ajo con moito retraso, e pesounos a paixón nas pestanas. No café de mediodía, Barataria proponme ir á mancha ver Volver, nun contrato con dúas cláusulas: temos que coidar de Chula, unha cadela froito dunha relación anterior, e el debe camiñar cunha muleta e esguinzado. Ao final guío ao sur o seu coche sen dirección asistida, tomamos uns amorodos en aranjuez, ceibamos a cadela nunha lagoa lamacenta e salinosa, e achegámonos pra ver o solpor nos muíños de vento de alcázar de san juan.
Ao pé daqueles xigantes botamos contas de crono, cinema, cea e cadela, e decidimos voltar sen volver. É noite na N-IV, a min dóenme os brazos e o coche cheira á lama das patas da cadela. Pero el ri e xuntamos as mans sobre o cambio de marchas. Este nacho faime realmente feliz.

semana santa

A semana está resultando inda máis complicada do que prevía: negocios, frontes, tensión física, e agora, ademais, unha baixa de Barataria, que esguinzou un pé cando perseguía un atracador. Unha auténtica semana de paixón.

convulsión

Barataria proponme quedar na sala, pasar o tempo xuntos sen facer nada: é a última noite, ao día seguinte marcha no bus de cedo pra Ciudad-Ajo. Pon a tele, e eu conéctome pra acabar labores do traballo. Despois cansa da tele, e abre un cómic. Despois di que ten frío, que marcha prá cama, que me agarda alí.
Cando vou pra onda el xa dorme. Apago a luz, íspome, e encáixome sen facer ruído no espazo que me limitan el a babor e Ulises pola popa.
Ao pouco el, que quizais percibiu o peso do meu corpo no futón, vírase e bótame os brazos pra amarrarme e ás cegas incribelmente acerta co meu corpo. Collido como un coala a un eucalipto, segue durmindo sen abrir un ollo sequera.
Pero, de súpeto, sofre unha convulsión no ventre. Queda sen respiración. Achego a orella ao seu peito e non sinto nada. Asusto. Logo outra convulsión nas pernas. Nada, non reacciona. E logo, suavemente, recupera a respiración e a vida, como se nada pasase.
Máis tranquilo, afundo nas sabas e zúgolla ata o final. Hai que celebralo.

tempo

Estou na casa do meu comozo de parque-temático-cervantes, usurpándolle a conexión mentres el, a quen aínda non coñezo, anda por brasil grazas a uns ferretes ben botados hai uns meses. Á miña dereita están xogando unha cadela café con leite e dúas gatas pedresas. Tamén está barataria, durmindo no sofá mentres eu tento cubrir algúns baleiros nas múltiples frontes que teño abertas.
Atrás queda unha semana imposíbel, case sen durmir: reunións, actos, vergoñas, traballo na madrugada, cea con Argallante Máximo bordeando a miña capacidade alcólica… Despois, logo dunha noite sen deitarme entre coche, bares e traballo (por esta orde), apañei un talgo de casualidade mentres fóra ocorría o dioivo.
Agora, 637 kms ao sueste, o tempo non pasa nos brazos de barataria. Imos dar unha volta ás aldeas do arredor, ou baixamos ao teatro, ou durmimos, xantamos, fodemos e durmimos de novo. O tempo inmóbil mírame dende o sofá. Está sentado ao carón de barataria, e ten nos xeonllos a Menta, unha das gatas. Aloumíñalle a cabeza.

estado da miña relación con barataria

Mándame barataria unha sms: rompeunos o bus en astorga, a ver cando chegamos. A partir de aí non houbo máis ca despropósito: quedounos lola sen batería, subiunos un peneque ao teito do coche, Argallante-Máximo empurrou por lola de madrugada, deitámonos ás mil, fomos á procura de cuscús, fixemos quilómetros, collémonos da man nunha verbena coa música de starwars, vimos unha fantástica peli de sereas, tomamos un café no balneario, e casamos e despedímonos (sen consumar) nunha estación de buses allea.
En todo ese tempo, barataria estivo perfecto, atento, prudente, macarra, doce. Entendémonos na autonomía e parecemos intuír cando é necesario o sorriso, ou o bico, ou a zugada. Barataria é un bo home prós vindeiros meses. Haberá que poñerse ao carro.