Co sueco durmindo na casa, collo a bici e subo á manifestación de cabodano do prestige. Chove frío e venta a morrer, e malia todo, unha chispa de galegos e galegas están aí impenitentemente, un ano máis. O país ás carapuchas. Entre eles, a tropa luminosa dos ecoloxistas, Lula (a cadela de Neit), e o señor pawley tamén, así como Haicu e Luaneghra, que me conectan á corrente da alegría. Non merecen estas xentes ser recibidos polas palabras de rafa villar, pero non lles importa. Sacrifican un frío domingo, outra vez sen sentido. Algún arcanxo do ceo debería tomar nota disto e anotalo no libro dos orgullos.
Arquivo de tags
Hai tempo que intercambio mensas cun rapaz de vilagarcía, sen vernos nunca diante. Estuda turismo en humidtown, e ten un nariz e un sorriso verdadeiramente arrampladores. Finalmente o xoves coincido con el: estamos nunha dj set de Belokan, e facemos uns cantos xogos de picardías de a tres que rematan, sen que me dea moi ben de conta, na cama del, no campus sur.
Ten un piso amplo, pulcro, demasiado pulcro. Unha soa revista neo2 enriba da mesa.
Neo2 (el alcúmase así) practica sexo dunha forma tan peculiar que me deixa atordoado. Nunca tal vin.
Teño tanta sorte por ver e tocar tantas cousas, por aprender todos os días algo novo, que debería crer pra poderlle dar as grazas a alguén. Ou a algo.
Belokan corríxeme. Non se di It’s begin to rain, senón It’s begining.
El está na cama, e eu miro pola fiestra. É un día terrible. Pero aí está el, grande coma un mundo, estomballado, demorando para irse duchar. A habitación ule a sexo e Uli corre aquí e acolá, e canta. Na mesa da cociña hai dúas copas, cun cuíño de viñareboreda. Puxen un disco de mbalax, mercado nos mantas das rúas de dakar, que me mata o desacougo.
Recibo mensas e chamadas.
Aínda non cambiei de prefixo e son feliz.
