Arquivo de tags

bacachís

Algúns días case non me decato de que Barataria non está. Outros, en troques, a cama faise pesada, grande e fría, e cando chega a mañanciña non sei se prefiro deixarme estar dentro dela ou botarme fóra. Acordo contra as seis, e logo revírome e retórzome esperto entre as sabas, co frío nos pés e a dor espondilítica nos cadrís. Finalmente dúchome, longamente, e comezo a vestirme por trozos mentres simultaneo a preparación do almorzo: picar un quivi ou un plátano, cocer algo de avea, se teño vagar espremer uns pomelos, torrar unhas salchichas na grella…
Despois poño a radio no computador e chequeo o correo electrónico da noite. E tomo o té pousado. E os días coma hoxe, cando máis aperta a ausencia de Barataria, recibo visita. Visitas coma esta:

Ferreiriño bacachís

E o que onte era angustia porque non me comesen o penso, hoxe transfórmase en angustia por que vai pasar cando falte o mes enteiro de inverno se teño tanta familia ao meu cargo… Onde peteirarán os bacachises?