Procesando papeis atopo o dvd de Cine Clube Carlos Varela, filme dirixido, escrito e montado por Ramiro Ledo. Dixen dirixido, escrito e montado? A homenaxe a este documentalista do tempo da transición consiste basicamente en dispoñer, unha detrás doutra e sen ningún tipo de narración, cortes de manifestacións rodados por Carlos Varela, que acaba reducido ao home-que-pasaba-por-aquí. A voz en off substitúese, con moita docencia, por texto sobreimpreso, pra facer todo aínda máis áxil, óbvianse todas as oportunidades de presentar algo de contraste histórico e inclúense longuísimos discursos bastante avergoñantes. Tamén hai cousas de interese: a alocución de Telesforo Monzón, a moda nacional-popular, algúns (poucos) labregos barbeados, os planos finais de Carlos Varela cunha flor na man e, prós máis vellos, repetir unhas cantas veces “e que sería dese?“. Pero, claro, pra chegar a eses intres hai que desentullar minutos e minutos de planos lentos, baleiros e temblorosos, que describen polo demais con agudeza o fracaso do movemento bárdico antidemocrático: a pesar de sermos a voz do pobo, o pobo insiste en non facernos caso.
Arquivo de tags
Como asterófilo que son, que sei páxinas enteiras da ‘Odisea de Astérix‘, que comprobo nesta nova estadía escocesa canto de verdade hai en ‘Astérix en Bretaña‘ (o meu xardín é máis pequeno ca Roma, pero o meu pilum é máis grande có teu sternum), penso que que o goberno complete a serie de asterix en galego non é máis ca un disparate a estas alturas.
En vez de loitar porque non se produzan prácticas monopolísticas na edición de linguas peninsulares (do que Harry Potter é unha cruel vítima), ou en vez de pensar nos produtos culturais que consomen os nosos mozos, prefiren poñer parches lingüísticos a historias que xa son só importantes na infancia dos señores deputados. Decididamente, están tolos estes do bloque.
Sóprame un paxariño algo que dixo o señor burns na asemblea do bloque: a política internacional do bng debía enmarcarse no eixo cuba-chávez-república islámica de irán. Non sei cal dos tres destinos turísticos me parece máis incríbel, pero parece claro que a alguén, nalgunha parte, lle abandonou o sentido.
En todo caso, no de irán non fai máis ca repetir o que xa escribira pondal: cumprido fin, teherán.
Algúns casalandreiros non amañan o seu negocio e inda por riba inmíscense nos dos demais. Os galegos somos parvos, si, aquí e na arxentina, aínda que tamén somos loiros no brasil e non me identifico nin máis nin menos cun que co outro. Reivindico os chistes de galegos e o dereito hiperlexítimo dos españois a decidir sobre o seu español e o dos tailandeses sobre o seu tai. E de paso polemizo unha miga, que teño mandril.
