Arquivo de tags

sombra

Hoxe pensaba postear sobre os documentais de animais, sobre o orgasmo feminino (logo dunha conversa cun perito) ou sobre as relacións que atopei entre Lost in Traslation e Vacacións romanas, pero foi unha xornada de intensísimo e longo traballo.
Ao final o traballo mudou en viño, o viño en güisque, o güisque en haxix e o haxix en namoramento. Chego en mal estado á casa reflexionando sobre a miña sombra: logrei afacerme á miña crista fronte ao espello, pero non á traza bicuda da miña silueta negra sobre o chan. Aínda me sorprende.
Esta mañá o namoramento mudara en dor de cabeza. Por iso puxen a Carla Bruni. Xa sei que é pouco intelectual, ou incluso algo cutriñosa por mor do seu pasado teteiro, pero non me importa: abro a fiestra mentres apagan as luces da cidade, sinto a mañá contra a pel, almorzo unha laranxa e un amorodo pousado no peitoril e escoito que alguén me dixo que inda me amabas.
Poño calzóns lindos: se aparece o futuro quero estar preparado.