Arquivo de tags

paradoxos

Despois do post sobre O natural é político estaba algo preocupado e arrepentido. Pensei que quizais me pasara, ou que probablemente non tiña razón. Así que en canto vin nun quiosco de aeroporto Confesións dun ecopecador, do xornalista especializado en temas ambientais Fred Pearce, merqueino buscando un argumento pra pedir desculpas.
O libro non só me dá a razón co de que é máis antiecolóxico probablemente o arroz co que acompañamos a costeleta do que a propia costeleta (e non por iso imos facernos antiarrocistas, en equivalencia ao vexetarianismo que naqueloutro libro propón Moure). En realidade este fantástico, básico e imprescindible libro é un catálogo de paradoxos sobre a nosa pegada ecolóxica, que me foi dando pescoceiras na caluga dos prexuízos, unha tras outra todos estes días. Por exemplo, o de que no mesmo percorrido un tren nocturno é menos ecolóxico ca un avión. Ou que fóra de tempada é moito máis ecolóxico comer amorodos chilenos ca locais. Ou, por suposto, que unha das enerxías máis ecolóxica é a nuclear. Ou que o mellor que poderiamos facer co lixo é queimalo individualmente no patio de casa. Claro está, o cálculo pode levarnos ao dato (non apuntado por Pearce, pero posíbel) de que sexa máis antiecolóxico ir traballar en bici ca en bus urbano, porque mentres no bus dividimos a nosa pegada de carbono por 1/50 ou máis pasaxeiros, sobre todo en hora punta, en bici estamos xerando un gasto enerxético individual que substituiremos por exemplo por unha boa tallada de vitela arxentina (deforestación, transporte, plástico do envasado), con patacas (contaminación de transporte rodado, plástico), unha ensalada con tomates (cultivados en invernadoiro, plástico), millo (lata, contaminación por pesticidas, deforestación, consumo de auga polo azucre engadido) e beldros (fóra de tempada, plástico).
O que nos leva á solución final: a opción máis ecolóxica é o suicidio. Seguro? Quizais tampouco… dende que o concello de Londres completou a instalación de depuradoras no Támesis, a biodiversidade (aves, mamíferos, vexetais…) caeu ata cifras tan extremas que ben se podería dicir que é unha das peores catástrofes ecolóxicas da illa nos últimos anos.