Arquivo de tags

rinocerontes

Viña lendo no avión os rinocerontes e quimeras de marcos s. calveiro, xa con moito moito retraso sobre as críticas e as amizades que me dicían “tes que“, “tes que“. Con todo, as primeiras páxinas, a moitos pés sobre o nivel do mar, non acababan de engancharme. As imaxes, as vellas postais que parecen sacadas de carnivàle, son fermosas e están pulcrisimamente narradas, pero amoréanse como sombras sepultando toda posibilidade de acción, unha ralentizadora e tenra parada de monstros. Pouco a pouco, esas postais van encaixando, e o preciosismo deses ambientes e perfís comeza a fluír cara algures. Un algures final que, non por previsíbel é menos fermoso e que deixa unha substancia un pouco amarga de esperanza e deformación, como po de camiño, pegada sobre a lingua.

carnivàle

Samson at CarnivàleGrazas a ese degustador de exquisiteces que é willysifones, acabo de rematar os capítulos da primeira tempada de Carnivàle. A sensación xeral é de preguiza: como amante do banal, a requiloria sobre o mal e o ben fáiseme demasiado pesada, e moitas veces chego ao minuto 35 mirando prá lámpada ou buscando arañas polo teito e desexando que peche por esta noite a función do circo. Tamén é verdade que ao lado dos previsibles lugares comúns de méxico e dos templarios está un atractivísimo gañán orelludo e medio trenco; que ao carón desa prosodia fastiante do reverendo está o camiñar agudo do anano Samson; que ao pé de efectos especiais de serie f brilla unha historia de amor fermosa e tráxica, como todas as verdadeiras historias de amor.
Ademais o último capítulo, que eu acabo de ver cando se achega a toma de antibióticos da alba, é tan electrizante que boto con urxencia a nasa no torrente pra apañar a segunda tempada. Willy saberá.