Arquivo de tags

parrandilla

Sentado na súa cadeira reservada, o pai de Barataria remata de contar a historia do parrandilla. Parrandilla era un neno da súa aldea que medía coma o alto dunha mesa e que non medraba máis. A cada pouco, a súa nai insistía en alongarlle os pantalóns e ía onde a tía Teodora. E a tía Teodora, a costureira, dicía: pero se o Parrandilla non medra, como llos vou baixar?
Enfronte está madre Barataria, dándolle a comida á neta, e non escoita o remate dunha historia que xa coñece porque leva dez días sen pilas nos audífonos. Logo compartimos un arroz con tajás mentres padre Barataria me explica como se lle cambia o aceite a un coche ou dubida que eu sexa capaz de distinguir unha retama. Eu míroos e tento imaxinar toda unha colección de escenas e pasados. Barataria agarda apurado a que acabe todo canto antes. Eles ignoran que eu debería ser importante nas súas vidas e que a miña foto debería estar nesa mesma parede onde están a das vodas de marijose, marival e amparo.

armario

Vou de xuíz á desputa da carreira popular da Silva (concello de cerceda), e fágome acompañar de Barataria. Ao velo no coche, pregúntame o máis besta brava de todos, o que bate todos os récords de chistes homofóbicos e machistas por minuto: e ese quen é? teu irmán? Dígolle que o meu mozo.
Aos seis minutos xa todos saben quen é ese tipo fraco, reservado e de nariz agudo porque o rumor segue sendo o principal medio de comunicación de masas. Incluso contan con Barataria, con tanta modernidade como curiosidade, pra que se poña en meta cos cronos. El di que non, que grazas, que ten moito que facer por exemplo en ankara e que marcha.
Non se me ocorre nada tan divertido, tan relaxante e tan satisfactorio como saír do armario, anque sexa nun ámbito tan pouco relevante coma este, e anque xa o fixera ducias de veces.