Arquivo de tags

motor

O plan era subir ata o parque-temático-cervantes, coller un vello 106 e arrincar pouco e pouco pra atenas. Pero coñécese que ao peugeot lle entraron os achaques, e xa saíndo pola M40 decátome de que o motor leva algo de febre. Solto o pé, póñome a 70 armado de pacencia e de horas de mediodía, e miro como me pasan os autobuses e os camións de tella rinchando pola esquerda. Pero o motor non alivia, e rubindo as ramplas do guadarrama pide auxilio con todos cantos pilotos ten. Detéñoo, comprobo o nivel de refrixerante, saco o manual e deduzo que ou non funciona a bomba ou ten as correas desatendidas ou rotas. Así que logo de darlle un aire revírome e poño proa de 106 costa abaixo, outra vez ata parque-temático-cervantes.
Alí collín un tren, logo agardei un bo pedazo na estación de méndez álvaro entreténdome coas falas, os chándales e as pirolas, e logo mergulleime nun bus con trinta historias máis: habíaos pretos do senegal, había un vello castelán cunha garavata feita de pinzas da roupa que lles falaba inglés a unhas rusas, e un mozote polaco, fermoso como unha camelia, que ía coa mai a puebla de sanabria. Na puebla, ao pé dun vello astra branco matrícula de zamora, agardaba un señor loiro, estraño, pensando todas esas cousas que se pensan cando un é polaco e ve baixar dun autocar a muller e o fillo, todos vestidos de nike.