Arquivo de tags

sketch

A terceira vez en catro meses que apaño purgacións serviu pra decatarme de que a) a vía de tranmisión foi sempre o mesmo macho asintomático, e b) que os británicos naceron pró sketch cómico.
Neste caso o doutor era un señoriño de bigote delgado, xa próximo á xubilación, cun aspecto pavero e delicado, amabilísimo, como un cruce entre David Niven e René Artois. Ao seu lado estaba unha médica en prácticas, vestida con sari, e de cando en cando entraba e saía da consulta unha enfermeira loira escocesa e rebumbieira. Por exemplo, cando o doutor lle pediu un proctoscopio pra facerme unha exploración anal, que non atopaba. A enfermeira dállo e o doutor sorpréndese polo diámetro.
— Non ten vostede algo máis estreito? Isto non sei se lle entrará…
— Non, doutor, é o que hai.
— Pois este mociño vai ter que relaxarse bastante, témome.
Ho, ho, ho, ho xeral.
Ou cando realiza a prospección visual da zona púbica, estando eu encanastrado na padiola, e descobre supetamente un algo que se move.
— Doutora, que cre vostede que é isto?
— Unha mancha
— Non. Mire outra vez…
— Mmmm… Un piollo pato?
— Efectivamente, unha femia de piollo pato. A pesar de que este rapaciño dixo que había tempo que non pasaba unha femia por aquí.
Ho, ho, ho, ho xeral.
A exploración rematou coa súa ración de antibióticos, análises de sangue e de ouriño e con consellos dados por unha asesora de educación sexual. Hoxe levarei por unha orella ao meu macho asintomático. A ver que chistes lle fan.