Arquivo de tags

vencello

Hai moitos, moitos, moitos anos que coñezo o guionista de Historias de Galiza I e II. Todo o pouco que aprendín de banda deseñada aprendino del e da súa infinda xenerosidade. Porén, admito que chegaba aos seus álbumes con moitas reservas. Quizais sexa o título, quizais a temática aparente —cun interese con asíndota en 0—, pero dábame preguiza botarme a lelos. Ao final foron, rapidamente, un atrás do outro, a pesar das ilustracións ás veces dolorosas e outras simplemente afeccionadas. Tamén hai algún brillo na parte gráfica, nos encadres, pero eu atribúoos máis a meticulosidade narrativa do meu amigo do que á calidade dos debuxantes. Por suposto, descubro que o libro non trata de historia, e salto divertido as páxinas e informacións que tratan de finxir o contrario: estes libros falan do amor, da confianza, do poder. Como debe ser.
Tamén hai amigos polo medio no libro das viaxes imaxinarias. Neste caso o resultado é menos satisfactorio: non acabo de pillarlle o punto a unhas historias que deixan insaciado, que se achegan á área e non acaban de rematar, como nun infindo partido de balonmán. As ilustracións, ás que lles recoñezo mérito, pasan sobre a miña sensibilidade como un coche gris pola autoestrada. A sombra de Calvino resúltame demasiado forte, ou ben é acatada con demasiada compracencia. Quizais todo parta do punto de desencontro inicial: non, non creo que as viaxes sexan voltar; aínda creo que son fuxir.