Arquivo de tags

blackpool

Ao recoller a Barataria no aeroporto de parque-temático-Beatle, leveino directamente de turismo a Blackpool.
Sen paliativos: é unha cidade horrendamente británica. O seu deseño segue dúas liñas principais e case únicas: un extenso coiñal costeiro, tapizado de cemento e roto aquí e acolá por peiraos con casinos, e a liña de hamburgueserías e tómbolas que vai en paralelo ao coiñal, metendo rebumbio. Case todos somos turistas, e os turistas case todos somos grupos de homes buscando guerra e grupos de mulleres buscando guerra: eles traen pantalóns axustados e rañan na pirola, e elas levan chapeus texanos rosas, caralliñas de plástico, estreliñas na cabeza e fitas de falso satén, como de misses de discoteca. Os turistas tamén poden beber cervexa, pasear en calesa, xogar nos recreativos e comer peixe fritido. Iso é blackpool, quilómetros e quilómetros de parque de atraccións cutreiro que ule a barra de caramelo e a algodón de azucre, a pesar o vento mareiro.
Despois desta inmersión en britanidade, non é de estrañar que quince días despois ande eu buscando por Barataria nunha festa da escuma, escoitando madonna e arrimándonos a rapacetes roxos semiespidos que beben pintas de cervexa e outros líquidos gasosos.

mark

Hai certos nomes que se repiten. Unhas veces xogan ao bádminton, outros son pelouras eurovisivas, e ás veces intelixentes aprendices de xornalista, como neste caso. Mark é hoxe un rapacete inglés do norte de londres que veu ata vilamarple a estudar e a procurar tranquilidade. Ten eses beiciños finos dos británicos e un cabelo revolto e mouro moi duro, que comeza a rarear por detrás. E eu, a unhas horas de coller o avión, teño as defensas tan baixas que o deixo quedar a durmir mentres fóra a xiada levanta catedrais.