Arquivo de tags

parrandilla

Sentado na súa cadeira reservada, o pai de Barataria remata de contar a historia do parrandilla. Parrandilla era un neno da súa aldea que medía coma o alto dunha mesa e que non medraba máis. A cada pouco, a súa nai insistía en alongarlle os pantalóns e ía onde a tía Teodora. E a tía Teodora, a costureira, dicía: pero se o Parrandilla non medra, como llos vou baixar?
Enfronte está madre Barataria, dándolle a comida á neta, e non escoita o remate dunha historia que xa coñece porque leva dez días sen pilas nos audífonos. Logo compartimos un arroz con tajás mentres padre Barataria me explica como se lle cambia o aceite a un coche ou dubida que eu sexa capaz de distinguir unha retama. Eu míroos e tento imaxinar toda unha colección de escenas e pasados. Barataria agarda apurado a que acabe todo canto antes. Eles ignoran que eu debería ser importante nas súas vidas e que a miña foto debería estar nesa mesma parede onde están a das vodas de marijose, marival e amparo.

tondelli

Iop e DjSu mándanme prá xugular Habitacións separadas, do italiano Tondelli: un paisano, nos seus 32 anos, ten que afrontar unha relación na distancia e os dilemas da contrución familiar homosexual: é verdade que aquilo era italia anos oitenta, e que igual que deixamos atrás os fulares, as cousas teñen mudado bastante no político, no xurídico e no afectivo. Pero a familia, ou a súa ausencia, seguen aí. A familia, esa institución que nos aprende a morrer, a restarlle importancia á morte, a combatela coa ficción da transmisión patrimonial e un conxunto moi ben artellado de rituais. Esa familia inexistente está en Tondelli, e tamén en min, á miña maneira. O libro acáboo, algo fastiado de tanta dor e tanto romperse a cabeza propio dos oitenta.
Mentres, o meu sobriño Henock baixa facer as compras na mochila do seu pai, e o meu outro sobriño Antón nace con cesárea e 3200 g, na véspera das letras.

sobriños

A esta altura da vida xa tres cousas están claras: nunca me farei rico, nunca terei fillos e morrerei só coma un can nun país estranxeiro. É o prezo que teño que pagar por ver como cae a tarde sobre embiburgo, por sentir o frío dos últimos días de marzo, polo recendo a torradura de cervexa ou por contemplar os fermosos adolescentes que arrotan ao meu paso.
Menos mal que a quen deus non lle dá fillos, o demo lle dá sobriños (e veñen en camiño).

españa

Non é que españa me preocupe demasiado, pero cada vez me lembra máis a un exército de lemins correndo a non dar pé cara ao cantil. Cómo senón explicar o sms que recibo, uf, da miña tía?

Frente al boicot del PP, maximo apoyo a la television Cuatro, a La Ser y a El Pais. Mañana El Pais tiene que batir record de ventas. Pasalo.

herpes

Despois deses días estresantes á miña mai saíulle un herpes zóster. Non parece serio nin demasiado latoso polo que me conta nos correos.
Pero á súa nai saíulle un herpes zóster e partir de aí comezou a costa abaixo da insuficiencia renal e os cancros, cunha idade semellante á dela. Supoño que estará asustada. E eu lonxe.