Arquivo de tags

despedida 3: amigos

Dimo Ian en plan broma, pero reconfórtame: algo debeches facer pra que te traten así. A bágoa de Argallante Máximo, os comentarios de Eya (que quedaron sen responder), a ilusión que lle albisco nos ollos a Ferre cando fala de mercar un homecinema prá fundación cesare, o bico de Chimpi, a mensa de Apombiñado… Tantas e tantas mostras de cariño levei estes días que non dou feito a contalas todas. Nin a sentilas como merecen. Agora tócame a min devolverlles todo aos amigos: feitos, visitas, e crónicas do tío matt o viaxeiro. E abrir permanentemente as portas da pousada: vinde.

vistas dos meus ollos

Se faltan ligazóns no post anterior é porque non podo poñelas. Ou porque non debo poñelas. Ou porque non sei onde poñelas: resúltame complexo coller un mapa de europa e sinalar un futuro ao chou. Hai incluso moitas posibilidades de que nos próximos meses, quizais anos, siga batendo a zoca por humidtown adiante. Pero por se acaso, empurrado por un proído que non dou definido, voulle dicindo adeus a estas rúas inzadas de turistas que liscan da chuvia das praias, fago esforzo en memorizar onde están as tendas, os bares, cales son as direccións prohibidas, qué casas andan á ruína…
É o mesmo que sinto cando baixo a portugal e cavilo na sorte de cruzar a fronteira así, á vontade: o miño, as sardiñas e as fanecas no Porto con Barataria, o olor a churrasco, a rúa fernandes tomás, e despois a nacional 550 ás noites…
E antes de comezar a pensar en regatos pequenos e en hortiñas que quero tanto, apago o piloto melancólico e concéntrome na xestión: alguén sabe cal é a compañía de telefonía móbil máis barata pra mandar mensaxes?

principio e fin

Ao comezo deste vrao intuía que ía ser tempo de mudanzas. Agora empezo a intuír canto.