Arquivo de tags

winnipeg

Pra completar a tarde de paseo etnográfico por glaspop, vou ao cine. Botan un documental do que non sentín falar, O meu Winnipeg, e métome levado da curiosidade. Aos dez minutos durmo pracidamente: o cansazo do longo paseo do día, as imaxes inconexas dun videoclip en branco e negro e a comodidade da cadeira fixeran o seu traballo. Pero logo esperto, presto algo de atención e, anque xa pola metade, comezo a fiar as imaxes nun exercicio triste e divertido de memoria sobre os días en que winnipeg tiña un estadio onde se xogaba ao hoquei xeo: as imaxes dos anciáns, das demolicións, dos cabalos que se conxelaron no río, da neve caendo sobre winnipeg… a memoria é o froito da resistencia humana.

tabarrada

O cine é unha arte en extinción: ben o demostran os dous filmes que fomos ver nos últimos días. Un, que viña precedido da vitoria en donostia, é unha historia sosa, aborrecida, pesada e filial de chinés e chinesa. A outra, aínda máis soporífera á pesar da beleza dos actores, conta o namoro entre mexicano e mexicano. Con Mil anos de oración estabamos nós os dous sós no cine; con El cielo dividido paramos varias veces o dvd e fomos durmir.