Arquivo de tags

contratempo

Como hoxe se inaugura a tempada de visitas, fun de véspera alugar un cochiño e quixen estrealo. O obxectivo era un mozote de vila-belokan, así que collín un longo camiño de noite baixo a choiva. El, de calibre escocés, era realmente guapo, pero non as tiña todas consigo. Estaba incómodo, pendente de quen pasaba pola estrada veciña, asustándose dos paseadores dos cans, grimando de que viñese a policía. Estabamos vestidos, non fose o demo que houbese que saír á carreira, e a cada pouco tiñamos que parar. Só a zugabamos unha miga, sen mala intención, pero el malamente envarillaba, e con tantos axexos por debaixo do bafo da xanela estresoume e díxenlle que me plantaba. Así que cos asentos aínda estomballados falamos unha agradábel media hora sobre o típico: mallorca e benidorm. Deixeino na casa cos seus raios uva e apañei estrada de volta. Aparteime da autovía coa intención de cruzar os montes e aprezar ese momento de fitarnos aos ollos eu e mais o raposo, pero non cadrou: a estrada estreitaba e estreitaba, tanto que ao final só había un camión nas patacas e un guindastre tratando de sacalo. Sen espazo pra virar, sen espazo pra seguir. Puxen a radio e relaxeime: nunha hora ou así todo se solucionaría. Fóra só había noite e uns homiños que se movían con chalecos reflectantes. Os raposos debían flipalo máis ca min.