Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » freedom

Arquivo de tags

aforrismos

picture-1Copiando a Calidonia.

1. A esquerda baixa en toda Europa e non é substituída por forzas máis á esquerda. Quizais non estea a piques de colapsar o capitalismo. Quizais tampouco os cidadáns queiran que iso suceda.

2. As clases medias que antes votaban a esquerda desprazan o seu voto a partidos que reivindican liberdades —reais ou aparentes— e a partidos que teñen como obxectivo fundamental a loita contra o cambio climático. Esas son as preocupacións.

3. As clases baixas que antes votaban a esquerda desprazan o seu voto a partidos de ultradereita e antimigratorios. A solidariedade ben entendida empeza por un mesmo.

4. Os países onde a corrupción é unha práctica social estendida e respectada, respaldan con forza os seus líderes corruptos.

5. O Bloque está morto. E non por votos —eu agardaba algo peor—, senón por actitude. O desprezo que a organización tivo pola candidata e por Europa son unicamente o sinal do inmobilismo, do enferruxamento das estruturas, do discurso rancio e resistencialista, e da incapacidade por achegar unha soa idea que mova os galegos. Por non falar de machismo. Só hai unha solución: montar outra cousa. Ou outras. E eu xa ando nesas.

pais

Cada vez hai máis pais ao meu redor. As conversas con eles xa non son calmadas e repousadas como antano e vénse interrompidas por choros ou, máis frecuentemente, por xoguetes que saen voando e que nos baten na cabeza. Aínda non teño claros os sentimentos a este respecto. É verdade que estraño a apracible calma da vella amizade, do diálogo, da pausa e do silencio; pero tamén non podo deixar de marabillarme ante esta ou aquela resposta dos pícaros e de sentir a vertixe do tempo que está por pasar, veloz.
Quizais todas estas cousas pesen na lectura de Crónicas birmanas, onde xa na portada o protagonista, un debuxante francocanadiano, empurra o carro do seu fillo polas rúas de Rangún, capital da birmania ocupada pola opresión e a ditadura. E así fan desta banda deseñada unha historia moi especial que, a pesar de ter moito do típico conto de occidental contemporáneo flipado co resto do planeta, atopa un ritmo moi equilibrado entre cotidianeidade, humor, perplexidade, autobiografía e a sempre presente Aung San Suu Kyi, invisible e fóra da banda deseñada da vida: por ela, polos monxes esmolantes de arroz, por ese neno europeo que pasea en carro polas rúas de rangún, ergo un pocillo de café quentiño nesta tarde fría. Á vosa saúde, á nosa saúde.

inxenuidade

Gústame moito como escribe Teresa Moure. Pero o seu novo ensaio, O natural é político, é un desalentador desastre. E iso que está ben escrito, e que as últimas páxinas, cando relaciona ecoloxismo con feminismo ou reclama unha literatura non antropocéntrica, teñen unha prosa brillante e gozosa. Pero confunde tanto radicalismo con demagoxia que un se pregunta senón será todo el un exercicio de insensatez. Vou sinalar dous casos, pero non son os únicos.
1. A liña de quarterbacks é que non é o mesmo medioambientalismo ca ecoloxismo. Medioambientalismo (reducindo, se queren afondar lean o libro) é un quero e non podo, un facer coma quen, un reciclar pra que todo siga igual. Ecoloxismo supón unha mudanza de pensamento, pór o ser humano no seu sitio. Ata aí ben. Incluso moi ben. Pero disto derívase, aínda non sei moi ben como, que ceibar milleiros de depredadores feroces nun ecosistema fráxil é un acto de ecoloxismo. Postos a opoñernos á explotación peleteira dos visóns —superafavor—, podiamos roubar 4×4s e empotralos contra escaparates de tendas de abrigos, e así matabamos dous paxaros dun tiro —desculpen a expresión pouco ecolóxica—. Pero que culpa teñen as crías de raposo, as perdices, os coellos, ou as denosiñas? Liberar visóns alóctonos nos montes galegos por ecoloxismo é como loitar contra a caza mandando unha bomba nuclear nos montes do Invernadoiro.
2. A segunda insensatez é de maior calado e deriva dun problema de base: onde están as cifras? No discurso da esquerda, da progresía, do alternativismo, abondan as expresións “o que está claro”, “está demostrado que”, etc., que significan en realidade “non hai datos, pero a teoría conspirativa mola mil”. E iso é o que perde a Moure cando fala do consumo de carne. Na súa defensa do vexetarianismo, a autora salta borrosamente entre dous argumentos: non podemos comer porco porque o porco é coma nós, e a explotación de carne está a destruír o planeta. Do primeiro vou pasar, porque considero que tan coma nós son o porco e o repolo. Pero o segundo é máis preocupante. De feito, Moure asegura que en producir un quilo de carne de vaca gastamos tanta auga como en duchármonos todo un ano. Esquece mencionar na estatística, nos datos, de onde é esa vaca. Eu non xanto vaca normalmente, pero asegúrome de que o año que roio medrou ceibo nos montes escoceses, que o seu consumo de auga é inaprezábel, e que non incide na deforestación da illa senón máis ben na conservación do ecosistema das praderías. Porén o que si tomo é té, e café, especies que afectan directamente a deforestación das zonas tropicais, e que supoñen un elevadísimo consumo de auga. E as cifras de cantas duchas son unha cunca de té, esas, a Moure esquécenlle.
O que non chega a dicir Moure é que a práctica máis ecolóxica, se un é naceu ser humano, é o suicidio. Quizais no fondo tamén este libro é medioambientalista.

palabriña, 2

Hoxe teño máis confianza no mundo. Non teño máis confianza no presidente global, nin sequera no fontaneiro ou no contratista de Vigo (Indiana), porque a espranza non me afoga o sentido. En realidade, teño máis confianza en min mesmo. E agora, mentres persigo un rato pola miña sala de estar (si, xa están aquí de novo), dedícolle un pensamento fugaz aos grandes perdedores de onte.

ps1. De todos os mapas da noite, que foron moitos e moi bos, este é o que máis me chama a atención, porque amosa onde medrou o voto demócrata e onde o republicano. En vermello non están Montana, nin Idaho, nin Utah. Está Arizona, porque Arizona é vilalba, pero sobre todo en vermello están Oklahoma, Arkansas, Luisiana, Mississippi, Tenessee, Alabama.

 

ps2. Fundamental Tino Santiago.

contra a funcionarización

Un dos obxectivos desta viaxe era mercar e ler asap A ditadura da incompetencia, do empresario catalán xavier roig. Sabía dalgunhas recensións e apetecíame botarlle o dente á crítica que facía da administración catalá. Resultou ser unha crítica aceda, acedísima, incluso indignada, ao proceso de funcionarización da vida política, pública e económica nas sociedades mediterráneas, un auténtico manual de liberalismo contemporáneo. O punto de partida é que as sociedades mediterráneas (e a galega debe inscribirse claramente nesta categoría) están controladas e dominadas por unha elite á marxe da libre competencia. Máis de dous terzos do parlamento catalán (e do español) son funcionarios: é dicir, persoas que se sitúan fóra do mercado, e que idean políticas que teñen como finalidade perpetuar o aparato do estado, que é o sistema que garante a súa supervivencia como caste. No caso galego, por exemplo, 41 deputados son funcionarios. Se lle engadimos os dez que nunca tiveron máis oficio cá política e os catro que sempre foron sindicalistas, dános un total de 56 (un 74%).
Roig critica por igual os aranceis europeos que impiden o desenvolvemento do terceiro mundo e a política de servizos asistenciais (esmolas) que ten como finalidade non paliar unha situación conxuntural, senón consolidar unha xestión funcionarial da pobreza. Protesta contra o sistema educativo e o sanitario (e achega cifras, como a comparativa entre o diñeiro que os Estados Unidos invisten en educación e o que desbalda a vella Europa) e en particular contra as subvencións culturais que sitúan determinadas actividades, coma o teatro, fóra do capitalismo.
Por dicir algo malo nesta brillantísima proposta, ás veces o seu discurso resulta un tanto trapalleiro e enfadado. Aínda que en realidade, se se examinan ben as cifras, é pra enfadarse. E moito.
Interrumpo a cativante lectura pra xantar coa guapísima Rapaza de Vidro en calafell, unha viliña costeira tomada por xubilados e surfeiros. Alí, diante dunha saborosísima lluerna, cóntame por que deixou a súa carreira no sistema universitario. Eu a ela coñecina sendo unha progre, pero agora adiántame polo liberalismo unhas cantas veces, e non aforra en defensas de bolonia e en ataques ao sistema funcionarial. Cavila con dedicarse ao traballo no campo, a pelexar pra que as súas leitugas sexan as máis vendidas do baixo penedés. Como debe ser.