Arquivo de tags

plattdorf

En francfort perseguín a sombra de plattdorf. Caído do outro lado das liñas inimigas, entregado ao fermoso labor de contemplar adolescencias, hai tempo que non se comunica e non explica por que os trens nesta cidade son tan vetustos, ou por que a xente semella andar de mal humor. Tampouco hai por aquí adolescentes embarazadas, anque no seu sitio de xuntanza erguesen rañaceos tumefactos ou a sede do banco central europeo. Cando cae a noite, e logo dunhas albóndigas de fígado ou dunha carne encebolada con xucrute, ímoslle dar unhas voltas e tomarlle algo, comprobando qué barato está todo no continente. Cando recollemos de madrugada, con dúas xornadas intensísimas de traballo ás costas, vexo o remexedoiro nos baños de homes da estación de konstablerwache.
E volvo achar de menos a plattdorf.

xermanía

E mañá desta hora, na ribeira do Rin. Quero parar un pouco…

berg

Pídolle a Barataria que me vaia á libraría prá viaxe e que me merque a Montaña máxica. Non sabía de que ía, nin que botaban toda a novela a tomar a temperatura nunha coincidencia notábel. Pero entre a frouxa tradución e a miña escasa paciencia, ao chegar á páxina 300 empezo a perder os folgos. Aínda quedan dous terzos e comeza a importarme ben pouco o que suceda nese sanatorio de tuberculosos que é a montaña máxica. Pero as coinicidencias están aí: unha exposición sobre Thomas Mann no museo gai de berlín, os seus libros en todas as vitrinas da friedrichstrasse, unha instalación artística denominada berg onde se propón a creación do partido da Montaña e á volta, a nova do cincuentenario da súa morte.