Estar quince dias coas suas noites na academia olimpica de Olimpia facendo un curso sobre o obvio olimpismo foi unha das experiencias máis flipantes da minha vida. Estar con 200 persoas de noventa e pico países completouna, derrubando pero sobre todo reforzando os tópicos: agora teño mais motivos pra odiar a serbia, pra pensar que os arxentinos son pretensiosos, pra crer que todos os brasileiros usan bañadores amarelos apertados e pra asegurar que todos os letóns teñen esa pefecta faciana de fódeme-fódeme.
Agora queda por diante unha semana con Barataria en grecia, ainda non sabemos ben onde: as illas, o peloponeso, atenas mesmo… Nun youth hostel de verdadeira-atenas agarda el esta noite, quizais conectado ao mesmo tempo ca min, mentres nosoutros facemos no hotel todos os rituais das despedidas. Pra sempre.
Arquivo de tags
Finalmente, o choio este que vin facer non esta a sair mal de todo. A socializacion con 200 paisanos e paisanas de cen estados distintos (por parellas, como na arca de noe) é prudente e pousada. Unha melindreira galega á que todo lle son noxos, un portugués, un brasileiro e dous arxentinos respondendo aos tópicos (neste último caso, ata límites indescritíbeis: apelidase bugallo castro e naceu en pontevedra), pretos, brancos, belidos orientais, unha floriña honconesa, unha minoria minorísima francófona (na que estou anotado), un xogador de rugbi francés co que comparto habitacion e ao que non lle fan moito chiste as alusións aos deuses do estadio, un mocito húngaro saído claramente dunha peli porno húngara…
Os primeiros dias non hai tensións: así acabo repasando a discografía de eros ramazzoti cun romano de libro e un portorriqueño: logo bótanse ao regueton e finalmente ás obscenidades sobre unha simpática e prezosa rapariga checa.
Hai xente, ademais, á que non entendo.
Dende un teclado grego e a uns prezos fixados pra turistas, tomo un frapé e posteo (sen tiles) sobre como de marabillosa é esta cidade de verdadeira-atenas.
Nesta segunda vez que veño nada pareceu mudar. Seguen as tendas de bershka, os postos de quebabs (guiros), os coches sen matrícula e os motociclistas sen casco. Seguen os soldados da garda, fermosísimos, e segue este recendo a especies e laranxas que tanto me lembra a dakar, pero en tranquilo.
Onte á noite, no primeiro voo de recoñecemento sobre as ruínas, quedaba esa temperatura de treboada e suor que lembro dende cativo, pero en húmido. Quizais por iso, porque me lembra á infancia (o que comeza a ter importancia), ou quizais porque ten unha harmonía de modernidade e caos que coincide co estado do meu escritorio vital, atenas é a minha cidade preferida.
Con moita diferenza. E aquí querería pasar os meus anos vellos, se os hai.
Fun ver Viaxe a Citera, de Angelopoulos, arrodeado de friquis no cineclube de humidtown. Como sempre, durmín na butaca un bo pedazo. Cada vez resúltame máis reconfortante sonecar entre pares de ollos espectantes que se masturban con planos de 360 graos. O cine, un vello cine, é frío como a ansia. Ademais, un que sentou ao meu carón devoraba as unllas con ese trac-trac tan molesto e desacougante. O sono, pois, non foi completo, e puiden ver algúns loooooongos planos gregos de montañas ermas e nevadas, de peiraos, de taxis amarelos, de xente soa.
Lembrei atenas, esa marabilla, mentres o protagonista perseguía polas rúas molladas un vello vendedor de lavanda. Hai imaxes terríbeis do filme que me acompañarán sempre, e seguramente outras igual de terríbeis perdéronse contra o fondo escuro das miñas pálpebras. Pero o tempo pasa, e esta historia cutre dun home que non cambia o anorac, tamén se esquecerá.
Anoto unha frase: Ás veces descubro con horror e alivio que non creo en nada. Entón volto ao meu corpo. É o único que me lembra que estou viva.
Vivo.
