Arquivo de tags

infancia

Onte fun atacado por primeira vez dende que vivo nesta illa. Os suxeitos eran como unha ducia e o máis vello tería trece anos, era loiro e polo que podo lembrar tiña uns bonitos ollos azuis. Eu non actuei ben: pasei do seu primeiro acoso verbal, e volvín cara ao meu coche pouco e pouco, sen facerlles fronte. Así que empurrados polo meu medo forónse organizando atrás miña, mentres me perseguían e me insultaban. Pedinlle axuda a un velliño e logo a un señor maior, pero os dous asubiaron e miraron literalmente cara outro lado, probablemente porque eles coñecían os pais dos túzaros. Ou os propios túzaros.
Ao que cheguei á esquina da rúa botei a correr cara ao coche. E eles tamén. Metinme todo o rápido que puiden, arrinquei, e acelerei mentres golpeaban o coche de alugueiro con todas as súas forzas de nenos de dez anos.
Andei en primeira unhas 300 iardas, ata que puiden respirar. Pero o susto duroume ata ben entrada a noite.