Arquivo de tags

hp 7

Os dous homes apareceron de ningures, separados por unhas poucas iardas nunha estreita corredoira iluminada pola lúa. Durante un segundo permaneceron inmóbiles, con cadansúa variña apuntando ao peito do outro; logo, ao que se recoñeceron, gardaron as variñas por baixo das túnicas e botáronse a camiñar na mesma dirección.

Despois de dúas horas de facer cola na libraría do centro comercial de vilamarple, adquirín a miña edición adulta de harry potter e as reliquias mortais contra as 2 am. Naquela altura xa poucos quedabamos aló: os libreiros, algún garda de seguridade, e unha estraña mestura de borrachos, persoas de ollos cansos e lectores de todas as idades que, xa, devecidamente, lían nas esquinas agardando polo taxi ou mentres ían na escuridade camiñando cara ás súas casas de visillos e xardín.
Pouco a pouco, coa axuda do dicionario, vou debullando os novos segredos. Tamén en inglés me custa apagar a luz e durmir…

escoitai o fragor

A orde da fénix tírame o sono. Paso tantas horas lendo que me doe o pescozo. Pero non é sinxelo deterse en canto atravesas as paredes de Hogwarts. Nunca recomendo libros, mais este si. Non todo na finde foron marabillas. Ademais de asistir ao enésimo asasinato do fútbol, comprobei que a muller dezá que me levou o sentido no anovello xa era coñecida, e ata o de agora pasara desapercibida para min: güisque? exceso de paixón nas veas? Procurarei unha terceira coincidencia, apoiándome nas amizades comúns. Xa sei de onde é: Silleda. E xa ten alcume: Kate, como Kate Moss.

Por certo, Todo Nada insinúa en público que este é un blo de autor. Estarrezo. Pero Ascárida mátame. “Non entendo nada”, di.

silencio

Un ano máis remata. Coa esperanza de vida do home occidental branco só poderei dicir esta frase 49 veces máis. Moitas? Parécenme poucas. O silencio logo chega.

O silencio impono Jacarezinho, que segue sen facer o seu blo. E leva ao silencio tamén HP. A súa quinta entrega, a Orde da Fénix, está sendo totalmente subxugante: sórbeme os minutos. A mansión dos Black é un espazo tan real, tan contundente, tan tráxico ao mesmo tempo… O que máis me gusta de HP é o desacougante, o maduro que é o desacougo que produce.

Walter segue na casa. Foi buscarnos unha lampadiña para a neveira, que fundiu. Ata o frigo decidiu gardar silencio.