Arquivo de tags

análises

Coa piroliña como unha pasa de figo logo das mil e unha tropelías da doutora, sen un litro de sangue, cun líquido inmunizador contra a hepatite e uns antibióticos de dous espectros diferentes de acción bacteriolóxica, vou ir a glaspop a un concerto. Teño unhas insistentes e continuas ganas de mexar, produto da cistite, e estou canso e aparvado. Non a situación ideal pra ver os Cansei de Ser Sexy, os Futureheads e os MGMT.
Pero aló imos, pensando aínda na pregunta da health adviser que me entrevistou despois da consulta: “podes dicirme os nomes das persoas coas que tiveches relacións sexuais nos últimos tres meses?” Se lle valera o alcume

pros / contras

Entre as desvantaxes de ter unha vida sexual activa está a de que un día te ergues e comprobas, un pouco aterrado, que tes purgacións.
Entre as vantaxes está que quizais nese momento haxa un médico na casa.

pneumotórax

Unha das cousas malas da distancia é que a un dos membros da parella lle dea un súpeto pneumotórax e o outro estea 2000 millas lonxe. Tubos ao pulmón, choreiras, consultas rápidas en todas as webs das compañías aéreas, quirófanos, incomunicación… Ao final o pneumotórax parece que evoluciona: é decididamente unha lata, e mais neste momento, pero o que non fai a pleura non o completa o amor. Deixarei que a familia atenda a Barataria esta fin de semana. Á seguinte ocupareime de ser o marido perfecto.

batalla

Acabo de enviar pra dentro os últimos miligramos de amoxicilina. Suponse que durante todos estes días algo ou alguén me estivo facendo un favor destruíndo canto vía ao seu paso. Agora certamente xa respiro ben, e anque conservo trozos de inimigo que por outra parte raras veces me abandonan, acho que estou a salvo. Iso si, o campo de batalla está destrozado: as pernas pésanme, durmo dez horas, e teño unha permanente sensación de cansazo. Hoxe teño sesión extra de esgrima, na finde xornada dobre de atletismo, e prá semana regreso ao estraño ritmo da vida laboral plena ou semiplena. Teño moito por facer pero agora, agora creo que me vou deitar outro pouco.

amoxicilina

Cada oito horas sinto un frío terrible, e bato os dentes, e axítome debaixo dun edredón que, de súpeto, non tapa. Cada oito horas esperto coa febre e deixo atrás soños envurullados, en moitos casos premonitorios: vou guindar o lixo orgánico ao composteiro e vexo que aló no fondo do bidón hai unha pegatina desas que veñen cos plátanos, banana de costa rica, di; tento collela e quitala, porque non é orgánica, pero non chego, fago un esforzo máis e caio dentro do composteiro; e non podo saír. Cada oito horas as pálpebras ínchanseme, e parece que me fervesen. Cada oito horas perdo completamente a capacidade de respirar polo nariz. Cada oito horas teño que tomar 500 gramos de amoxicilina e 600 (200 arriba 200 abaixo) de ibuprofeno.

febre

Cando contra as seis esperto por riba dos 100ºF , o primeiro que desexo é estrangular o cidadán Kane. Logo recapacito e decátome de que así non podemos seguir. Chútome 800 gramos de ibuprofeno e tento acougar un par de horas máis, o que resulta moi difícil. Logo almorzo e vou ao médico. Dáme vez prá tarde.
Non me queda pacenciae a estas horas debía estar alugando un coche e poñendo proa prás hébridas, ou indo pasear polos montes nevados da contorna. Pero nada diso, nada, é posible.

terapia

De pouco valeron os ibuprofenos de importación. De pouco o mel con limón, os bocadillos de allo, os chiles nas comidas, o mel con allo, os bocadillos de mostaza, os zumes de pomelo, o tes que beber moito moito, taparse, non taparse moito, quedar na casa, e airearse, e toda a recua de remedios máis ou menos caseiros recibidos. Ao final, se hoxe me ergo descansado e coas vías respiratorias case despexadas é grazas á visita de Bádminton e un par de pirolazos.
Bádminton ten un corpo espectacular, pero é máis soso ca unha mesa de piñeiro. Ponse en posición defensiva-felina, e a partir de aí, o mínimo movemento posible. Pero iso abonda prá función terapéutica, e grazas a el, hoxe é o primeiro domingo verdadeiro logo de quince domingos consecutivos.

hixiene

Un dos costumes que máis me chaman a atención deste pobo bárbaro é, sen dúbida ningunha, a soidade que me acompaña nas duchas dos vestiarios. Fago esgrima dúas veces por semana, ás veces incluso tres, e nunca, nunca, coincidín con ningún home nas duchas. Os rapazotes do equipo de lacrosse, os chineses que xogan e xogan e xogan ao bádminton, os maduritos que botan tardes enteiras na carreira estática, os cativos que aprenden a socializar co equipo de fútbol… ningún deles ducha comigo. E non é que me venten e que prefiran non acudir aos vestiarios canda min: hoxe e a semana pasada o piso das duchas estaba completamente seco.
Os meus colegas floreteiros despréndense do traxe de apicultor e, na mesma pista, botan algo de desodorante, un pouco de gomina, o xarsei e a cazadora. Ou só o xarsei, ou só a cazadora, ou a mesma camiseta suada unicamente, se estamos en primavera. Os traxes de apicultor arrecenden a hormona adolescente, e gústame, pero non quero imaxinar se hai un día un crime e os CSI veñen a explorarnos o adn.
Esta falta de hixiene darase só na illa putrefacta? Ou é característica común dos pobos bárbaros? Prégase confirmación ou rexeite. E unha campaña de promoción das duchas, xa.

menciña

Recunco con Paul, que desta volta parece aínda máis feo, máis baixo e máis torpe cá primeira vez. De feito, por dúas veces seguidas perde pé, e cando amence eu acabo tranquilamente, mentres el executa estraños exercicios sobre min, inútiles. Toda sintonía era imposíbel.
A pesar do frustrante, e incluso do triste, que resultou a súa visita, cando vou de camiño pró traballo percibo unha coñecida lixeireza. Sinto o humor mudar. O sexo é mellor cás aspirinas.

herpes

Despois deses días estresantes á miña mai saíulle un herpes zóster. Non parece serio nin demasiado latoso polo que me conta nos correos.
Pero á súa nai saíulle un herpes zóster e partir de aí comezou a costa abaixo da insuficiencia renal e os cancros, cunha idade semellante á dela. Supoño que estará asustada. E eu lonxe.