Arquivo de tags

heroes

HeroesHoxe, só unhas horas antes de que marche Barataria, papamos un asado de porco e acabamos de ver os últimos episodios da primeira tempada de Heroes. Xa sei que na Ghalleira se viron antes; xa sei que algúns andan a descargar xa a segunda volta; pero neste pequeno mundo de Chucheland imos por diante da maior parte da sociedade.
Nun par de devedés piratas descansan, por un tempo, os ollos saltareiros de Hiro Nakamura e o rabecho de pelo de Peter Petrelli. Aí repousan tamén o sorriso de Claire a inferíbel e o inglés indostaní do doutor Suresh, que tanta risa nos deu ao longo destas semanas. Tamén están os beizos de DL, o pelo crecho de Micah, as moitas noites en que Barataria quedou durmido no meu ombro e algúns cabos soltos: onde se agochou o home invisíbel? Que será do máis guapo, o gai Zach? Era verdadeira a moza que lía os correos electrónicos? Onde marchou o haitiano?
E como ao mesmo tempo estou lendo a última apocalipse, desta volta verdadeira, sobre o capitalismo das catástrofes, creo que non hai frase máis reivindicativa e máis absurda ca esta pra fixar como lema por un tempo: save the cheerlader, save the world. Se podo saber onde encargalas, farei unhas cantas camisolas pra este nadal. Vaian pedindo tamaños.