Arquivo de tags

101

Hoxe fanse 101 días da nova vida de Todonada.
Algúns, dende fóra, observan unha certa parte positiva (e máis que se verá). Pero nas distancias curtas é auténticamente deslumbrante: a imitación de heracles, termou das distintas cabezas da hidra de Lerna, limpou os cortellos de Auxias e tornou as rancias aves do lago Esfíntalo. E iso polo de agora.
Ás veces véxoa marchar cansa, pensando nas nove probas que quedan, ou cun enfado oculto na aparencia de apracíbel moneca rusa. Pero ela, sen que nos deamos conta, controla o mundo cunha frecuencia de onda que detén o tempo nun estado de perpetua felicidade: se hai alguén tan bo como dpaso como pastoreador de universos, por forza ten que ser ela.

previsión

As últimas xornadas da semana foron un acúmulo de horas de traballo e bebedeira extenuantes. Aos días, baixei á cidade a un curso sobre accesibilidade web que me reconfortou coa vida e co traballo, pero que me gastou as poucas neuronas activas. Ás noites a Tenente Risitas e Spielberg, e tamén Ian, collíanme o ánimo entre todos os brazos, levantábamo e arrandeábamo como se o fosen guindar ao pilón. Pero botábano ao ar e pousábano na felicidade, suavemente. Houbo episodios excitantes, tensións, dilemas, momentos belidos, conversa e escaso repouso. E catarreira.
Na fin de semana recuperei o sono e o territorio da miña casa. Mentres, a Trabando trasplantábanlle o corazón no último momento, a Barataria embargábanlle a conta polas multas da mariguana, e Xastriño mandábame mensas pra convidarme a sexo en atenas na ausencia de meus pais (inutilmente).
Os días que veñen inda van ser peores: máis excitantes, máis decisivos. Seguramente incluso máis fermosos.