Arquivo de tags

sorpresa

Moito temos botado a lingua a pacer a propósito de Jacarezinho. Eran conversas frecuentes as que se referían a un misterioso zulo de persianas baixas e neveiras baleiras, á que nos parecía triste vida de solteiro.
Por iso quedamos sorprendidos cando nos convida a cear a min e a Tenente Risitas no dúplex que comparte con Audrey. Mozarela, tomate, endivias e dúas postas de carne ao mel: solombo de porco e vitela. Ten unha guitarra perfectamente disposta sobre un chan de madeira inmaculado, a cociña recollida como se non estivese cociñando, o viño a respirar, un estudo sen caixas de cartón e cos libros con sensación de uso. A conversa foi moi agradábel, e só falamos de traballo cando foi imposíbel evitalo.
Logo baixamos á choiva e á noite a Tenente e mais eu. Embebedámonos. Creo lembrar que alguén nalgún momento ofreceu farlopa, pero esquecin quen ou como. Biquei a Feiraco, que apareceu por alí mollado e escoltado por dúas mulleres moito máis altas ca el. Recollinme cando xa raiaba o día e aparecéronme dous rapaces na porta da miña casa pra recuncar nalgo que xa fixeramos no vrao, no monte.
E nun par de horas, sorpresivamente, fun traballar.