Arquivo de tags

antisionismo

O título alternativo deste post era ‘innombrable’, porque non pensaba mencionar o título nin o autor de Xudeus e conversos en Galicia: o editor cáeme demasiado ben e non querería que se sentise ferido por unha gugleada a destempo. Pero o certo é que este volume de Rouco González é un dos peores libros que lin e o primeiro que tiven tentación de destruír. Non polo seu corte ideolóxico nin polo seu estilo, pois o que non me guste a min a outro lle aproveitará, senón pola súa carencia de relación coa verdade. Non creo que dende Murguía se publicase un libro máis baseado en ruxerruxes, propósitos ideolóxicos e contos de vellas ca este. A súa falta de estrutura, o caos da redacción e o trapalleirismo son tan grandes como o caixón onde, ao longo dos anos, o autor debeu ir recollendo anotamentos e ocorrencias de ducha sobre o xudaísmo en Galicia, ceibadas agora coa única virtude da aleatoriedade. As tres ou catro afirmacións interesantes que se verten no libro carecen completamente de referencias, e incluso prescindindo diso resulta difícil sacar máis conclusión có paradoxo de que esa foi unha terra que acolleu especialmente ben os xudeus, e que por iso acolleu poucos (así, a ollo). Alguén debería escribir unha boa historia do xudaísmo na ghalleira. Os nosos devanceiros meréceno.

xudeus

A sorte, ou máis ben a torpeza, levoume ata unha pequena vila do noroeste de londres chamada golders green, o típico sitio estupendo se tes unha bicicleta pra ir e vir. E eu téñoa e subo dende o centro case unha hora dándolle a peito, esquivando os autobuses e deténdome nos semáforos. Tamén baixo veloz, e gústame esta sensación dun londres que pasa rápido, aínda que ás veces neste correr se perdan os detalles dos paporrubios nos cancelos dos camposantos, ou os postos de froita con nésperos e vintecinco tipos de pementos picantes.
Golders Green é unha vila de xudeus e de xaponeses. As tendas onde podes mercar peixe cru ou pastel de arroz alternan coas pizzerías onde unha vez veu o rabino a bendicir o forno. E os nenos levan chapeus negros de aba grande, e neles refléctese o misterio da convivencia.