Arquivo de tags

estudantes

Cósmede é un rapaciño miúdo e fermoso da mariña, que estuda algo de xornalismo. Na súa habitación compostelá, escura, case sen luz, hai unha colección de botes de colonia, un par de pósters de RebeldeGüei, un armario ateigado de roupa aínda coa etiqueta, algúns apuntamentos aquí e acolá, e dúas bandeiras penduradas das paredes. Unha é de canadá, que foi onde pasou o mes de xullo decatándose de que lle molaban os rapaces. A outra é de malta, onde estivo o mes de agosto fodendo con cinco rapazas e tres rapaces, e onde entrou no hospital cun coma etílico que proba sacando da carteira unha nota: “hola, te recogimos inconsciente y te llevamos…”. No cuarto non hai libros. Non a zuga.
Lorenzo é un rapaciño fraco e enfermizo de xixón que estuda algo de farmacia. Na súa habitación compostelá, escura, case sen luz, hai unha estantería baleira onde alguén, seguramente os inquilinos anteriores, ou os anteriores, pegaran adhesivos de tendas de tunaxe. Ten un computador grande e escóitase o messenger funcionando por detrás. O armario teno baleiro e coas portas abertas, como pra que se expanda e circule polo cuarto o olor a rancio. Ou quizais ao revés. No cuarto non hai libros. Só a zuga.