Arquivo de tags

diversos

Diversos son os homes e diversas as falas, pero conviñeron todos nun mesmo conxunto de poeiras, humidade e beirarrúas levantadas. A cidade mediterránea, que se chama lisboa cando se arruína cara ao oeste ou real-atenas cando toma café frappé, adquire tamén moitos outros nomes nas fases intermedias. Así é tamén Rastalona. Desta vez a viaxe esténdese dende o oeste (en realidade o sur) ata o leste (en realidade o norte), e todo é un continuo de infinitas variedades de ocres, con tantos matices como constantes comúns. Nesa poeira confusa que serve de escenario pra grandes combates dos medios de transporte, combínanse as linguas, as tenduchas de envío de diñeiro, as tendas caras, as toses dos vellos emigrantes andaluces ou a extraordinaria beleza dos adolescentes, dourados e sen desbravar.
Diversos son os pobos e diversas as falas, pero conviñeron todos nunha extensa cidade mediterránea, ruidosa, fatigante, húmida, pegañenta.