Arquivo de tags

morrer en domingo, 2

Miña mai gardaba un libro de ciencias naturais de cando era adolescente. Non sei por que quedou ese e non outro, pero aí estaba. E no interior da portada o libro tiña unha soa inscrición misteriosa: pata pata. Eu tardei moitos anos en descubrir qué significaban esas palabras máxicas. En atenas, a principios dos anos sesenta, unha nena escribiunas nun libro e moitos anos máis tarde eu escoiteinas e escoiteinas e agora volvo a escoitalas, cun certo amargor. Eis a fórmula científica da enerxía. A canción que me pido pró enterro.

nostalxia

A nostalxia é unha substancia velenosa e paralizante, como a trabadela de moitas arañas. Así que cunha certa obriga, pero tamén con moita prevención, merquei Das novas cousas de Ramón Lamote. Por suposto, na miña memoria acuática non gardo lembranzas exactas das primeiras Cousas, pero si unha imborrábel sensación de pracer, de divertimento. As novas cousas son 100% Lamote. Tamén, en particular nas primeiras páxinas, 100% anos oitenta, cunha forma de narrar e sobre todo, cuns problemas que pertencen a un mundo que xa non recoñezo. Un mundo rematado, que máis có riso aberto, provoca un estraño fruncido de dor, como de proído máis ben. Pero contra a metade do libro, Lamote solta a melena dos pelos que lle quedan, recoñece que usa correo electrónico e debuxa unha cidade utópica que, sen deixar de ser lamotiana, é puramente moderna e contemporánea. E éntralle a un o gusto, vendo o cadáver da nostalxia aos pés da cama.

memoria

Escoito na radio a crítica literaria Poblenou, moi estimada por xente que pasa por aquí. Di que está cansa de que na literatura galega só haxa exercicios de memoria. E dío referíndose a Solimán, a novela de Xesús Fraga, que tamén visita decote blos parentes. Eu léoa, e non me acaba de engaiolar. Penso: direi no blo o moito que me aburriu? Non sei se debería. Así que fago exercicio de delete: quédome co xesús fraga fermoso e intenso de A-Z e da camiseta de Lego.