Arquivo de tags

azar

Do noso destino só nós somos responsábeis, pero ás veces o azar configúrase de tal xeito que o aleteo dunha bolboreta en malaísia pode mudarnos o traballo, o país de residencia e ata a parella. Nos últimos tempos unha e outra vez teño asistido a diversos aleteos deses. Así, por exemplo, como consecuencia dunha inocente voda dun medio parente na illa caribeña de santa lucía, o matrimonio de mr. cocktail saltou polos aires, e con el unha hipoteca e esas todas cousas magoantes. E non como consecuencia desa voda en santa lucía, pero sen dúbida potenciado por todas as cousas magoantes, mr. cocktail recibe unha chamada dende lonxe propoñéndolle mudar de vida. El acepta, e proponme a min tamén mudar de vida, de traballo e de conexión aeroportuaria.
Eu collo a bicicleta, e fago unhas 12 millas por entre campos a trigo e centeo, por carreiros entre as granxas, por preto do río e do clube de mineiros de Fallin, gozando do aire fresco e recendente da tarde. Ao chegar á casa consulto con Barataria. Miramos pola fiestra: velaí a cerdeira, o río, a ponte, e alí en fronte o vello albert, que a está a liar unha vez máis coa serra de arco contra os mirtos. El dime: non; estoulle empezando a coller o gusto a escocia. Eu, que diaños, tamén.

mr. cocktail

Non sei eu como será profesionalmente o meu xefe, nin se sintonizaremos moito ideoloxicamente, pero cando buscas kindness no dicionario aparece a súa cara: foime recoller ao aeroporto, estame solucionando todos os trámites posibles, convidoume namais chegar a cear tripas de año (un tipismo), bebimos ata máis alá do recomendable un fabuloso güisque afumado da illa de Islay, e anda sempre un paso por diante de min na xestión das miñas cousas.
Ao serán despídese de min pedíndome perdón por non atenderme correctamente: tiña moito traballo. Penso en todas as cousas que lle bolen na cabeza e só espero non defraudalo.