Como sempre, fun ver o grupo que non era. Grazas a Jackson coñecía algo a MGMT, pero dos postpunk Futureheads e dos Cansei de Ser Sexy, malia as recomendacións do vello Plattdorf, pouco máis sabía. Pero a maioría dos adolescentes e mozos brancos de clase media que estaban alí viñan por todo, menos polos MGMT, así que empezaron de primeiros. Non podo falar moito porque teño que poñerme en primeira fila pra distinguir un baixo dunha guitarra, pero o concerto non foi aló gran cousa: se o que mola do mp3 é precisamente os detalles dos teclados, a claridade da voz e a atmosfera recreativa, todo iso desapareceu onte do ABC de glaspop. “Imos darlle brasa a estes tipos”, e veña guitarreo, pra demostrar que saben tocar o instrumento igual có outro millón de persoas que fai o mesmo. A iso os críticos, que son os que saben, creo que lle chaman “guitarras poderosas”, pero eu só sentía a vibración na uretra, e ao resto do público tampouco pareceu que lle chistase demasiado. Iso si, como estaba en primeira fila puiden baixar do podio estético ao cantante, disfrazado de peterpán en sandalias, que era o típico colgado amigo do teu curmán que se electrocuta na piscina da casa dos pais, e substituílo polo batería, do que non consigo atopar información en ningures.
Despois quedei a investigar que era iso do post-punk dos Futureheads, e así a vulto pareceume bastante punk. E molón. Pero o corpo levaba xa un bo pedazo facendo todo tipo de sinais: febre, dor muscular, cansazo, incomodidade, ganas de mexar, dor na pirola… Así que antes dos brasileiros collín o tren de volta, deixando atrás un público hiperfermoso que, estrañamente, mirara pra min con interese: naquela congregación de tipos fracos querendo parecer tristes tuberculosos, un enfermo auténtico estaba en condicións de competir.
Arquivo de tags
Nunha pausa do noso repouso de prescrición médica imos ver algo de danza á veciña Villabase: alí onde Parque-temático-cervantes é conservadora e señorita, Villabase é obreira, progresista e proamericana. A danza, baseada en poemas de gloria fuertes (mal escollidos e peor recitados), é bastante espantosa, pero como é breve, é de tarde e estamos nun teatro socialista de Villabase levámolo ben e divertidamente. Ao saír batemos cun cartel: un “festival pola integración” organizado polo esquerdista concello local, coa actuación de Violadores del Verso e Jota Mayúscula. Chegamos xa unicamente a Violadores, que fan a mesma base e a mesma rima cá primeira vez que os vin, hai uns dez anos. Profundamente conservadores, reivindicadores do ‘auténtico’ hiphop, lanzan proclamas contra raperillos, fascistas e políticos a partes iguais, que é pouco máis ou menos o que se agarda deles. Cando nos fartamos de mirar pra rapazolos de ollos brillantes, recollemos e saudamos ao marchar os únicos “non-españois” da carpa, os únicos “integrados”: os seguratas polacos.
Dedicado a JH
Con todo o destes días, non teño vagar pra preparar a viaxe como cómpre, pero vexo nun repente que hai entradas libres pra un concerto dos tiger lillies, e vou. Coñecín os tiger lillies de casualidade hai uns meses, pero non imaxinaba que tan axiña podería ver un espectáculo deles, un dos seus cabarés sobre os sete pecados capitais, algo escatolóxico como lle cadra a esta illa, pero divertido. E un chisco máxico tamén, non sei se pola música do banjo, polo clarinetista con ás de anxo, polos monicreques homosexuais ou porque nese pequeno e vello teatro estabamos unhas travestis tomando viño e mais eu. E era londres.
Gastamos o sol pleno e friento da mañá paseando entre a xiada dos outeiros secos que arrodean o parque-temático-cervantes. A escusa é o paseo da chula, unha cadela pinta que lle queda a Barataria, en quendas de fin de semana, dunha relación anterior. Despois das nosas boas horas sorteando ciclistas e vellos con transistor, chegamos á casa e poñémonos a traballar. Nesas, cando a tarde xa vai devecida, chega un mozote trompetista na banda municipal dunha aldea de guadalaxara. É de agardar que toque a trompeta mellor do que a zuga, pero no conxunto non está mal, e ao remate cóntanos interesantes historias do tecido bandístico da comarca e dun ferrete que meteu non rocho en humidtown, no último santiago. Eu quedo na casa, posteando, Barataria vai darlle un último paseo á cadela, pero a el quédanlle 50 quilómetros deliciosos por estradas secundarias, por entre as estevas alcarreñas, e co ventre olendo a seme. Hai se cadra algo mellor?
Os Johnson, grazas ás bondades das incomunicacións no século XXI, de súpeto teñen que mudar de casa: caeron nun bucle sen internet a 300 metros da catedral de humidtown. O novo piso terá o que se queira, pero sobre todo unha boa conexión e un cuarto de convidados, que eles chaman por bromear o cuarto de Cesare. O venres que vén irei á ghalleira nunha viaxe de finde rápida e precisa. A noite do domingo pró luns pasareina en ankara, na casa de Walter, pra coller o avión de cedo, e el dime por teléfono que o sábado foi coa nai mercar unha cama pra Cesare, que non tiña.
Non sei se eles, e todos os outros, teñen unha lixeira idea do que están facendo, pero esas atumes ás patas das camas son, en tardes outonizas coma a de hoxe, bágoas como puños.
Como as que boto cando escoito esta fabulosa peza do emsí galego-suízo GranPurismo (agasallo de orsinia, unha vez máis). Unhas rimas moooi ben acabadas, uns contidos emocionantes e algunhas frases prá historia como ese “eu sei que seguirei ladrando coma o can do Laureano”, pousan a Pardeconde no planeta. E arrízanme todas as frebas do pelexo ao mesmo tempo.
Son totalmente incompetente pró das listas de preferencias blogueiras. Ou preguntan polas razóns pra exiliarme cando vivo a 2000 millas de distancia da realidade (así en xeral), ou rétanme (dobremente) a que sinale as mellores cancións pra foder cando decididamente aposto polo silenzo. Pero aló vou:
1. Les oiseaux. Son devoto do sexo outdoor. Nada hai mellor ca zugar unha pirola nun coche coas fiestras abertas ao vrao, ou sobre un penedo entre os toxos, ou nun piñeiral preto da area da praia e do mar. Gústame saber que están aí, movéndose ao seu, os ferreiriños e os corvos, que as formigas carrexan folliñas a centímetros da miña pel e que os mosquitos simplemente pairan e atravesan a noite coas súas pupilas ultravermellas, á procura dunha brizna de sangue. Non hai nada mellor có seu murmurio, o seu renxer de mosquito, de rato ou murgaño entre as carqueixas, e deixar despois que o recendo da suor e do seme e o fresco poñan o amor.
2. Radio. Hai algúns anos, antes das balas, houbo un que se me meteu no coche pra foder. Era mago e estudante de xaponés, ou iso dicía, e tiña uns cantos anos menos ca min. Aparcamos na gabia dun fodedoiro habitual e acendémonos a bicar. Eu debía levar a radio, imaxino, á espera de que en breves segundos o coche entrase en modo-eco e decidise aforrar baterías desenchufando radio, calefacción e luces. E el, nesas previas, pregúntame se non podía meter M-80. Eu díxenlle apenado que o sentía, que a radio dese coche non a daba sintonizado. El creuno e seguímola zugando.
3. Barataria. A primeira vez con Barataria, tamén tempo atrás, levoume prá súa casa en parque-temático-cervantes xa case na mañá. Ao chegar puxo a banda sonora de 2046 e fodeume con ela. Despois diso moitas veces téñolle recriminado o uso da “típica música pra foder” e el sempre se defende dicindo que foi casualidade, que era o cd que estaba, que o andaba gravando pra un colega, etc. Non volveu usar música, cando menos comigo, pero a emoción que xa eu sentía con 2046 viuse dobrada.
4 e 5. Planeta. Así de que no suposto caso de que tivese que escoller música pra foder diría que este programa de radio (o meu favorito do último mes) ou calquera dos temas de femi kuti. Fanme sentir que o punto 1 esta aí, cando non está.
Creo que sería máis interesante saber as cancións que nos impedirían foder, pero pra continuar a cadea e que non haxa unha catástrofe nuclear no barrio, fágolle a pregunta das cinco mellores a: as crónicas prusianas, magago, bretemas, bossito e a señora dot.
Non debería, creo, pero non podo evitar que se me poña a pel de pita cando escoito a espido nunha sala pequena e acolledora do auditorio de vila-marple. Non hai moita xente, pero á que veu parece que lles gusta.
Despois, unha cea frugal, levar os técnicos nun coche de alugueiro ata glasgow, e volver cun fío de senchumbo mentres fóra nevaba aguén. Poucos traballos hai máis gorentosos có de faísca.
