Arquivo de tags

xetsemaní

Levo un par de días negando o evidente: vou pasar o vindeiro mes fóra da miña casa, dando tombos por unha rede de países afumados e ruidosos: teño por diante catro semanas ateigadiñas de eventos e sobriños, pero nin así se me esvae a preguiza. Miro prás cerdeiras do xardín, pró ceo que agora clarexa, prás madrugadas que comezan ás dúas, e decátome de que non quero marchar, que non quero desprenderme desta tranquilidade precisamente agora.
Con todo, despois dun acelerado día de preparacións, estou na sala de espera dun avión, arrodeado de españois que berran e protestan por todo. Miro pró reloxio e imaxino qué pasaría se perdese ese avión ao que xa non hai saída, se collese o bus de volta á cidade. Non sabía que tres horas despois estaría nun olivedo, alumeado só das estrelas, fodendo sobre o capó dun coche vello: olía a arxila, a calor e ás toupieiras que, coas cabezas apuntando levemente sobre os torróns escuros, tentaban descifrar esas vibracións de amor.