Conta B. Houlihan no seu libro The Politics of Sport Development (cito e peto na mesa) que unha das medidas iniciais do primeiro goberno Blair foi reducir a obrigatoriedade da educación física nas escolas. A súa idea era dedicar esas horas á alfabetización, un problema serio no Reino Unido dos noventa. Ao cabo duns anos deu marcha atrás: a alfabetización non mellorara moito, pero as taxas de obesidade infantil lideraban Europa.
Non se me ocorre maior despropósito político cá decisión da consellaría de educación de reducir as horas de “ximnasia” no bacharelato. É máis: é o prototipo de extravagante e trasnoitada decisión que pode tomar esa clase media, mediocre, socialdemócrata, criada e cultivada no pasado. De todas as aulas que un pícaro ou unha moza teñen que sufrir, dende horas intempestivas, nos centros escolares galegos, as que marcan a diferenza son as de educación física. Entre a filosofía, as matemáticas, a literatura ou a historia, pouca diferenza hai: esa é a bagaxe que unha sociedade, probablemente do século pasado, lle quere transmitir á xeración seguinte. Pero é na educación física onde aprenden a valorar e medir o seu corpo, a facer exercicio, a traballar en equipo; onde aprenden valores como a superación e a cooperación, onde crean a súa autoestima, onde se educan na igualdade e na saúde e, last but no least, onde se duchan xuntos. Se hai dúas horas imprescindíbeis en todo o currículo escolar, son esas: o demais xa está na wikipedia.
A miña indignación medra cando observo dous datos preocupantes: a) á metade dos mozos non lles importa a redución, b) os únicos que protestan son os docentes da materia. Ata tal punto o sistema educativo galego está putrefacto.
E alguén dirá, con moita razón: que carallo che importa a ti o que pase nunha escola a 2.000 millas de distancia? Ai, importa, vaia se importa: os meus sobriños están de camiño.
Arquivo de tags
Nun momento de pausa mentres almorzo dáseme por realizar un pouco de hermenéutica e busco o verbo irritar en El País. Non o fago de forma sistemática, e ademais a ferramenta de busca é algo zoupona, pero o azar é o azar, e non deixo de flipar ao saber quen comete ese irritante pecado de irritarse.
- Cataláns: 7 (tripartito 3, ERC 2, CiU 1, outros cataláns 1)
- PP 2
- Relixiosos musulmáns 2
- Rusos 2
- Israel 2
- Rexións mediterráneas 1
- PNV 1
- Nacionalistas en xeral 1
- Outros 1 (un candidato a reitor na universidade… vasca!)
Na análise deixei fóra o terreo dos deportes, onde a xente adoita irritarse con facilidade.
Neste día extra de reflexión que me agasalla o sistema un par de semanas despois de emitir o meu voto, confirmo por que fixen ben non votando a quen non votei. Se consideramos que o de onte foi un acto de delincuencia común, e eu así o creo, por que diaño deter unha campaña electoral, un estado? Por que detela neste momento e non aí atrás cando catro homes asasinaron nun só día as súas catro mulleres? E se aínda cremos que este é un acto de carácter político, por que se toman medidas que impiden unha solución política? O goberno español non actuou nestas horas coa calma e coa eficacia que debía, levado pola crispación política e polos intereses duns e doutros crentes da relixión de que canto peor, mellor.
Non. Estamos en guerra pero hai que reflexionar, sen nervios.
Chegoume a carta pra votar e sáenme as dúbidas habituais. O do sobre branco téñoo claro: non quero por nada do mundo que haxa unha maioría absoluta, anque perda unha cea, e o chavaliño da estrela solitaria cáeme moi simpático. O programa, obviamente, non me satisface aló gran cousa, pero cando menos fálase con claridade de aborto e de eutanasia, fálase de homosexualidade e apóstase por un mundo plural que me satisface. Pero, e no sobre laranxa? Que cruces marco? Un gugleado mínimo ofrece desoladores resultados, pra quen os ofrece. E que tipo de aspirante a servidor público non fixo nada nesta vida que mereza aparecer en google?
Quédanme dúas aspas libres, e están en subhasta ata o luns. Busco algunha razón pra que non vaian en branco.
Onte recibín a carta do estado onde pagan impostos meus pais. Envíanme as instrucións pra votar, así como a papeleta que debo cubrir. Pertencen ao concello onde está localizada a fundación cesare, un concello onde nunca vivín nin, se deus o quere, vou nunca vivir. Daquela, que debo facer?
• votar a candidatura descoñecida pola que sinto unha maior simpatía?
• votar nulo, cunha mensaxe que diga: “é unha vergoña que sexa válido o voto emigrante nas eleccións municipais”.
Prégase opinión e consello.
Neste complicado sistema electoral aínda non sei por quen vou votar. Pero como teño tres papeletas pra inventar distintas aliaxes vaille caer algo, anque non sei ben en que medida, a:
* os nacionalistas do SNP: o seu líder é dunha soberbia molesta, pero no país dos cegos o torto é o rei. A súa proposta de independencia é moi divertida e economicamente vai ser unha boa idea. Fagamos algo de experimentación social e aliviemos o sufrimento dos ingleses.
* os liberais: economicamente estou máis de acordo con eles ca con ningún outro. Do pouco que entendín sobre seguridade cidadá e sistema de prisións, tamén coincido. Ademais, están en contra da independencia, e sérveme pra compensar o voto anterior. Levo anos querendo votar a un partido liberal.
* os verdes: o partido que calquera votaría de segunda opción. Todos os telexornais abren co cambio climático e iso estame comezando a afectar. Ademais, son máis novos, teñen máis mulleres nas listas, gústalles mirar prós paxaros…
As eleccións son apaixonantes, e máis apaixonante é intuír a mobilización rebuldeira que se produce nos concellos, nas parroquias, nas aldeas. Despois de andar fedellando aquí e acolá, bato contra esta foto. Non é necesario dicir o nome do partido, nin que o rapazote da esquerda está pra tunear un coche a medias. Só o concello: paderne.
Título da tese: Antropoloxía e representación social: extracción de clase nas listas municipais dos concellos menores de 3000 habitantes.
Recibo unha carta do estado onde pagaba os meus impostos explicándome que teño dereito a voto, malia estar vivo e ter menos de 100 anos. Quizais a miña escolla non pase dun branco, pero gústame o xogo este das votacións. Así que, como a carta do consulado di que podo consultar as listas do CERA entre o 9 e o 16 de abril, ambos inclusive (e engaden un horario especial pró domingo 15, pra que a xente non desconfíe), gasto unhas horas e unhas boas libras deste luns de pascua (día 9) en achegarme ata embiburgo. Ao que chego o consulado está pechado, abofé. Colleron vacacións o xoves (por madrid), o venres (por españa), o sábado e o domingo (por se acaso) e o luns (por cataluña e ferrol), e puxeron un carteliño na porta, pra que non lles queimasen o timbre.
Hoxe chamo: néganme que a carta (que teño diante) poña iso, logo dinme que “quen di o 9 di o 10″, e finalmente acceden a comprobar a miña inscrición nas listas do CERA por teléfono. O meu nome non aparece (está vostede seguro de que se escribe ‘cesare’?, pregúntanme) e convídanme a ir a embiburgo pra presentar unha reclamación, porque non a podo poñer nin por correo nin por teléfono. Que mágoa non estar morto ou non ter máis de cen anos, pra que todos estes problemas se evaporasen de súpeto.
Dixéramo aquela moza sueca nunha varanda da illa de gorée: os países máis machistas de europa son o reino unido, españa e italia, e non llo crin.
Pero que os sete candidatos a concelleiro polo SNP en vila-marple sexan todos homes non deixa de abocarme á evidencia, que confirma por que de 22 concelleiros só 4 son mulleres. Escríbolles un correo, confiado en que a súa resposta será tan rápida e directa como a de hai uns meses. Pero non.
Mentres, na ghalleira…
Hai dúas posibilidades:
• ou os líderes do pp son realmente ultradereitistas e conseguiron mobilizar máis dun millón de 350.000 persoas ao redor do odio, a violencia, e a revancha.
• os os líderes do pp non son realmente ultradereitistas e están usando unha mensaxe de odio, violencia e revancha para conseguir unha vitoria electoral. As mensaxes de odio son como a gasolina: visguentas e inflamábeis, esténdense rapidamente e non se apagan con auga. O goberno de gonzález botou desa gasolina hai anos, e agora ardemos nas consecuencias.
Que un millón de persoas se manifesten en contra da concesión de prisión atenuada a unha persoa que cumpre condea por un delito de ameazas (ou sexa, por chamarlle ao xuíz gómez bermúdez “estrela meteórica labrada sobre o sufrimento vasco“, !!) é a cousa máis preocupante que escoitei de españa dende que teño uso de razón. Como, como me alegro de non vivir naquel estado.
