Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » politics

Arquivo de tags

galegos coma vós

O delirio anterior e posterior á manifestación de galicia bilingüe refórzame na idea de que poucas razóns teño pra vivir na ghalleira.
En primeiro lugar, porque houbo quen, esgrimindo discrepancia ideolóxica, decidiu sabotear o lexítimo dereito duns cidadáns a manifestarse. Uns optaron pola vía pacífica do ridiculismo e outros directamente pola da violencia e o insulto, pero no fondo hai pouca diferenza: por que lles molestaba que outra xente se manifestase? Non é iso a base da democracia?
En segundo, porque as persoas que respecto e estimo non estiveron á altura que eu desexaba. En vez de contrarrestar con cifras e datos os frouxos argumentos dos convocantes, calaron ou acudiron a intanxíbeis; e en vez de frear con palabras duras e contundentes os contramanifestantes, esvaeron en vagas condenas de violencia xenérica, como se os propósitos e as condutas duns e doutros fosen igual de lexítimos.
En terceiro, porque non escoitei (quizais perdín un bo artigo, quizais extraviei un bo argumento) ninguén que fose á raíz do problema: existe a liberdade lingüística no ensino e na administración? debe existir? As forzas progaleguistas insistían ata non hai moito que nas escolas os seus fillos perdían o galego que traían da casa, e reivindicaban precisamente, só que con signo contrario, o dereito dos pais a escolleren. Deben os pais elixir a lingua do ensino dos seus fillos? E o ensino das matemáticas? Ou debe o goberno decidir o que é mellor? Ou deben facelo as escolas? Ese é o debate serio, e ninguén o aborda.
A cuarta, e máis grave, é de recapitulación. Durante anos, moitos anos, os progaleguistas instauráronse no piñón fixo da crispación en torno á lingua. Dende 1983 ata 2003 non houbo nin un só punto de consenso. Fraga era malísimo, o bilingüismo harmónico era a doutrina do anticristo, etc. Máis de 25 anos despois, e sen que conste ningún éxito debido a tal comportamento, hai outros que queren desoterrar o machado da guerra lingüística e ademais atopan eco e xente que os apoia. E os progaleguistas, que deberían ser os meus, en vez de preocuparse en saber onde estivo o erro e qué van facer pra amañalo, poñen nunha venda nos ollos e saen a correr cara adiante. E non, boa parte deses manifestantes cos que estou completamente en desacordo, son galegos. Galegos coma vós.

estrañeza

Debín buscar mal, pero no programa do BNG prás eleccións galegas non vexo a frase morrer dignamente nin a palabra eutanasia.

Actualización: Un benintencionado lector pregúntame se o goberno autonómico ten competencias nese eido. Pois ben, este podería ser un primeiro paso. Pero hai máis xeitos de loitar por unha morte digna e en liberdade.

equipo A

Envexa, dicía magago. Tristura, engado, ao contemplar os anos luz que nos separan, en todos os sentidos. Vía Ronsel vexo un especial fotográfico sobre o equipo do Presidente. É flipante a serie de retratos, pero esquezámonos agora de imaxes vas: nestes momentos de subhasta da ilusión, é posible confiar nun equipo onde a xente se apelida Mastromonaco, Solís, Shinseki, Pfeiffer, Chu, Strautmanis, McCaskill, Orszag? É posible confiar nun equipo onde tres dos conselleiros persoais do Presidente teñen 24, 26 e 27 anos?

Ou mellor, pódese confiar nun equipo que non os teña?

quintanismo

É sorprendente, moi sorprendente, o libro de conversas entre Anxo Quintana e Xosé Luís Barreiro Rivas. Dende logo non é frecuente que un político en activo recoñeza máis veces os seus erros do que chufa dos seus acertos, pero sobre todo chamoume a atención descubrir facetas do seu pensamento político que permanecen ocultas polo declaracionismo da prensa diaria: a súa defensa da institución familiar é moi interesante, e así tamén a fondura das súas formulacións sobre outros aspectos da estrutura democrática e do funcionamento da sociedade.
Pero quizais o máis salientable é a visión liberal das políticas económicas, dos servizos, da xestión e da administración pública ou do idioma; un liberalismo de raíz individualista, co que simpatizo inmediatamente. Claro, cada vez que pronuncia a palabra liberal (neoliberal, ultraliberal e demais variantes demoníacas) empeza a virarlle a cabeza como á nena do exorcista, sen decatarse de que en moitos casos, como cando llo aplica á política pesqueira europea, está a cualificar de liberal un modelo case stalinista da intervención económica. Perdóollo: moitos pratos de raxo e de carne ao caldeiro terá tomado con eses sectores conservadores do nacionalismo galego.
Así que despois da lectura do libro —dificultada por unha edición confusa e tirando a cutreira— teño máis claro aínda o meu voto o 1 de marzo: que mágoa, iso si, que non sexan eleccións presidenciais e teña que apoiar tamén o seu partido.

antiquintanismo

A presentación das listas electorais do BNG foi un xesto terriblemente triste. En primeiro lugar, porque a presenza da sociedade civil é inexistente: todos os candidatos proceden dos órganos de goberno ou das camarillas da organización comarcal. En segundo lugar, porque a renovación é nula: repiten os mesmos que xa estaban, agás os que se puxeron fóra ou as que non resistiron o espírito purgador do lado escuro da forza, que só atende o seu embigo ou a vendetta. E en terceiro, e máis importante, porque ese sistema de conselleiros e listas que corren é, aínda que electoralmente interesante, profundamente escuro dende o punto de vista democrático: o destino do parlamento parece ser o dunha cámara de caladiños e segundeiros, un conxunto de persoas adestradas pra erguer a pata cando cómpre, e non pra facer política ou representar os cidadáns.

anuncios

Anque os días en barcelona foron bastante apertados de traballo, quedou aínda un último salouco pra ir ver a exposición Spots electorals. Magnificamente montada, agrupada por temas e xéneros (musical, patria, catástrofe, animación…) e non polos previsíbeis apartados de espazos e épocas, dá pra botar toda unha vida buscando curiosidades, peiteando arquivos pra milleiros de tesiñas. Bótase a faltar, unicamente, unha maior contextualización dos anuncios: cal é a ideoloxía do Partido Patriota de guatemala, cal foi o resultado final nas eleccións en Novo Gales do Sur, ou así, pero incluso podemos crer que nada diso é importante agás o propio filme.
Entre as xoias e as rarezas, que hai moitas, o spot do BNG das europeas do 94, con Carlos Mella como candidato: clasificado na categoría patria, é o equivalente en vídeo a unha novela de caneiro. Non son de estrañar os resultados.

educación física

Conta B. Houlihan no seu libro The Politics of Sport Development (cito e peto na mesa) que unha das medidas iniciais do primeiro goberno Blair foi reducir a obrigatoriedade da educación física nas escolas. A súa idea era dedicar esas horas á alfabetización, un problema serio no Reino Unido dos noventa. Ao cabo duns anos deu marcha atrás: a alfabetización non mellorara moito, pero as taxas de obesidade infantil lideraban Europa.
Non se me ocorre maior despropósito político cá decisión da consellaría de educación de reducir as horas de “ximnasia” no bacharelato. É máis: é o prototipo de extravagante e trasnoitada decisión que pode tomar esa clase media, mediocre, socialdemócrata, criada e cultivada no pasado. De todas as aulas que un pícaro ou unha moza teñen que sufrir, dende horas intempestivas, nos centros escolares galegos, as que marcan a diferenza son as de educación física. Entre a filosofía, as matemáticas, a literatura ou a historia, pouca diferenza hai: esa é a bagaxe que unha sociedade, probablemente do século pasado, lle quere transmitir á xeración seguinte. Pero é na educación física onde aprenden a valorar e medir o seu corpo, a facer exercicio, a traballar en equipo; onde aprenden valores como a superación e a cooperación, onde crean a súa autoestima, onde se educan na igualdade e na saúde e, last but no least, onde se duchan xuntos. Se hai dúas horas imprescindíbeis en todo o currículo escolar, son esas: o demais xa está na wikipedia.
A miña indignación medra cando observo dous datos preocupantes: a) á metade dos mozos non lles importa a redución, b) os únicos que protestan son os docentes da materia. Ata tal punto o sistema educativo galego está putrefacto.
E alguén dirá, con moita razón: que carallo che importa a ti o que pase nunha escola a 2.000 millas de distancia? Ai, importa, vaia se importa: os meus sobriños están de camiño.

Recollida de sinaturas.

irritación

Nun momento de pausa mentres almorzo dáseme por realizar un pouco de hermenéutica e busco o verbo irritar en El País. Non o fago de forma sistemática, e ademais a ferramenta de busca é algo zoupona, pero o azar é o azar, e non deixo de flipar ao saber quen comete ese irritante pecado de irritarse.

  • Cataláns: 7 (tripartito 3, ERC 2, CiU 1, outros cataláns 1)
  • PP 2
  • Relixiosos musulmáns 2
  • Rusos 2
  • Israel 2
  • Rexións mediterráneas 1
  • PNV 1
  • Nacionalistas en xeral 1
  • Outros 1 (un candidato a reitor na universidade… vasca!)

Na análise deixei fóra o terreo dos deportes, onde a xente adoita irritarse con facilidade.

cavilación

Neste día extra de reflexión que me agasalla o sistema un par de semanas despois de emitir o meu voto, confirmo por que fixen ben non votando a quen non votei. Se consideramos que o de onte foi un acto de delincuencia común, e eu así o creo, por que diaño deter unha campaña electoral, un estado? Por que detela neste momento e non aí atrás cando catro homes asasinaron nun só día as súas catro mulleres? E se aínda cremos que este é un acto de carácter político, por que se toman medidas que impiden unha solución política? O goberno español non actuou nestas horas coa calma e coa eficacia que debía, levado pola crispación política e polos intereses duns e doutros crentes da relixión de que canto peor, mellor.
Non. Estamos en guerra pero hai que reflexionar, sen nervios.

aspas

Chegoume a carta pra votar e sáenme as dúbidas habituais. O do sobre branco téñoo claro: non quero por nada do mundo que haxa unha maioría absoluta, anque perda unha cea, e o chavaliño da estrela solitaria cáeme moi simpático. O programa, obviamente, non me satisface aló gran cousa, pero cando menos fálase con claridade de aborto e de eutanasia, fálase de homosexualidade e apóstase por un mundo plural que me satisface. Pero, e no sobre laranxa? Que cruces marco? Un gugleado mínimo ofrece desoladores resultados, pra quen os ofrece. E que tipo de aspirante a servidor público non fixo nada nesta vida que mereza aparecer en google?
Quédanme dúas aspas libres, e están en subhasta ata o luns. Busco algunha razón pra que non vaian en branco.