Arquivo de tags

pixamas

Veu Nenoarzuán estudar algo de inglés a embiburgo, e como a primeira noite non ten onde parar queda a durmir na miña. Hai anos que o coñezo, pero só o vira diante un par de veces máis. Na primeira, era aínda un chavaliño rebuldeiro de dezaseis que empezaba a xestionar iso de ser gai en arzúa. Agora, tempo despois, está moito máis guapo, leva no fociño un aro deses de arriar dos porcos e uns estupendos e relocentes coloretes país. Contámonos algúns contos, explícolle como funciona todo isto (os coches polo seu lado, as kettles, os enchufes de tres aguillotes…), el fálame da súa divertida vida, e logo imos ver (si) O neno do pixama a raias. Non lin o libro, e o filme non ten mal ningún.
Despois marchamos prá cama. Eu quedo durmido antes, nun suspiro, e non o sinto deitarse. Á metade da noite esperto e véxoo alí, ao carón, cos seus fermosos ollos pechados, os seus piercings, as súas tatuaxes e o seu pixama. O dilema é claro: pódese mallar a pirolazos a unha persoa en pixama? Non será mellor resolvelo con apertiñas e caloriña casta? O sono vénceme de novo e sácame do apuro. Á mañá, coa luz que entra da fiestra, todo muda. Dúchome, prepárolle o almorzo, limpo na casa e espértoo pra unha excursión pola montaña. El sabe perfectamente que case o dobro en idade.