Arquivo de tags

neve

Días despois de que o aeroporto de Barajas quedase bloqueado pola incompetencia e a falta de previsión, varios aeroportos da Cidade dos Nenos Perdidos quedaron bloqueados pola incompetencia e o exceso de previsión británicos. Aquí no norte pasou o día a nevar. Houbo momentos en que caeu forte e noutros a cousa ía máis lixeira e saían os pícaros ao xardín a facer bonecos, anque só por uns instantes antes de recollerse porque volvía nevar, ou porque abría o sol, subían as temperaturas un par de graos e descallaba.
Botei o tempo todo a mirar pola fiestra, vendo como o ceo pasaba de branco a azul, e logo a gris e outra vez a branco, e a gris, e a azul. E cada vez máis escuro, ou máis claro, e logo negro. Gastei as horas brincando coa luz e pensando nesoutras catro xornadas que botei traballando na ghalleira, no seu aire mesto, húmido e triste e inmobilmente gris.