Arquivo de tags

nostalxia

A nostalxia é unha substancia velenosa e paralizante, como a trabadela de moitas arañas. Así que cunha certa obriga, pero tamén con moita prevención, merquei Das novas cousas de Ramón Lamote. Por suposto, na miña memoria acuática non gardo lembranzas exactas das primeiras Cousas, pero si unha imborrábel sensación de pracer, de divertimento. As novas cousas son 100% Lamote. Tamén, en particular nas primeiras páxinas, 100% anos oitenta, cunha forma de narrar e sobre todo, cuns problemas que pertencen a un mundo que xa non recoñezo. Un mundo rematado, que máis có riso aberto, provoca un estraño fruncido de dor, como de proído máis ben. Pero contra a metade do libro, Lamote solta a melena dos pelos que lle quedan, recoñece que usa correo electrónico e debuxa unha cidade utópica que, sen deixar de ser lamotiana, é puramente moderna e contemporánea. E éntralle a un o gusto, vendo o cadáver da nostalxia aos pés da cama.