Deprecated: Function set_magic_quotes_runtime() is deprecated in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php on line 18

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_lvl() should be compatible with Walker::start_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_lvl() should be compatible with Walker::end_lvl(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::start_el() should be compatible with Walker::start_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Strict Standards: Declaration of Walker_Comment::end_el() should be compatible with Walker::end_el(&$output) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-includes/comment-template.php on line 0

Warning: session_start(): Cannot send session cookie - headers already sent by (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Warning: session_start(): Cannot send session cache limiter - headers already sent (output started at /home/dispara/astuasbalas.com/wp-settings.php:18) in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/wordpress-automatic-upgrade.php on line 121

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp_base in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class.php on line 56

Strict Standards: Redefining already defined constructor for class ftp in /home/dispara/astuasbalas.com/wp-content/plugins/wordpress-automatic-upgrade/lib/ftp_class_sockets.php on line 8
As túas balas » Scotland

Arquivo de tags

redbull

brandon_rugby_passÍa eu tranquilamente cara ao súper cando no camiño atopei un grupo de sete rapaces, de entre dez e catorce anos (así a ollo), a insultaren unhas mociñas chinesas que viñan coas bolsas da compra. Fixéronlles uns comentarios e xestos racistas, logo mandáronlles un par de empurróns e marcharon. Andaran eles unhas quince iardas e eu outras quince, deixándoas a elas abraiadas detrás, cando os dous máis pitirracos decidiron volver. Pasaron de onda min e fóronse onda elas, pedíndolles desculpas. Mais uns segundos despois metéranlles outro empurrón e empezaran a mirarlles nas bolsas. Un deles extraeu un pack de bebidas e botou a correr polo camiño… dereitiño cara a min.
Viume, e antes de chegar demostrou o que lles aprenden na escola: nun fantástico pase de rugbi guindou o pack cara á miña esquerda, por ver se o seu compañeiro, que corría por ese lado, o chapaba, e ao tempo tentaba canearme pola outra beira. Eu estendín a perna e envieille un couce non regulamentario no peito que o mandou a el contra un arbusto, a min de cu contra o chan, e as latas, que resultaron ser de redbull, a esparexerse contra o camiño.
Tiven sorte, porque ben podían vir os outros cinco, que felizmente non se pararan a ver qué acontecía, e darme unha malleira octúpida sen tempo a me erguer do chan. Pero safei, pedinlles desculpas ás mociñas e vireime de volta prá casa, atemorizado, acovardado, humillado.

suicidio, 1

Photo by Itopo

O sábado estabamos mirando o mar en cabo Neist, no oeste da illa de Skye. A paraxe é moito máis ca espectacular e, como todas as cousas boas, chegamos ata ela de casualidade. Na punta, ao remate dunha longa lingua de xeométricos basaltos, había un par de pescadores e unha familia que miraba os mascatos ascenderen corenta pés e deixárense caer como foguetes pra embrochetar o peixe. Non estaban sós: ao fondo había diversas especies de gaivotas, pero tamén mobellas, araos romeiros e de á branca, focas e mais fulmares. Así pasaba o tempo, entre os mergullos dos mascatos a non máis de vinte iardas de nós, caendo o mediodía, ata que Itopo dá aviso: aló, á dereita, dende por baixo do faro, achéganse uha pequena manda de golfiños. Os golfiños vanse abeirando, catro adultos e unha cría, ata onde estamos nós: os pescadores retiran os anzois e todos gardamos silencio: miramos pra eles, emocionados, escoitando o ruído que fan ao saír lixeiramente por riba da auga e volverse agochar. A cinco iardas deles, sentíndolles a respiración, tiven unha desas experiencias interespecie que fai que todo o edificio intelectual abanee un pouco.

Por iso este post se chama suicidio. Non, non sinto pulsión por rematar coa experiencia da vida que é, de por parte, un pleonasmo. Pero dende hai un tempo veño remoendo nos propósitos disto todo, tantimais cando me achego eu mesmo a un deses cabos que haberá que virar, como fixeron os golfiños. E logo desaparecer na auga fría.

cervos

Perigo. Risco elevado de cervos na estradaDespedín o inverno nas estreitas estradas do norte. Primeiro foi con Ferre, ese tranvía sen condutor, co que paseamos cara ao oeste, ata subirmos, nunha mañá nevada, o Old Man Storr. Logo foi con Henri, máis cara ao norte, e a neve bloqueounos nunha pequena vila, cando tomabamos sopa de queixo e chirouvías nun bar supergalego. Vimos abadías a leste, norte e oeste, tamén castelos, e pequenas pousadas, e esculturas dos vellos escritores e inventores destas terras. Vimos o mar en moitos portos distintos e cubrimos infinidade de paisaxes, que agora non son capaz de estremar e que se mesturan todas unhas sobre das outras, como un mazacote de avecrem con vales, montañas, soutos, coníferas, rúas, penedos, praias, turfeiras e praderías.
Pero sobre todo vímolos a eles: aos verderolos e os cardeais daquel bar de estrada; ás lebres, aos coellos, ás perdices das terras baixas; aos faisáns, centos deles mortos, milleiros aínda vivos; ao raposo que fuxía dos faros; ás focas, nadando e secando ao sol preto de inverness; aos corvos brancos, aos miñatos, aos peneireiros, ás avefrías; ás barnaclas e aos gansos pacer nos seus rabaños; e aos cervos. Centos de cervos. Os cervos que, empurrados pola neve das montañas, roían tranquilamente na beira das estradas. Cervos illados, ás veces cervos vellos; outras cervos en manda, en grupos dunha ducia, ou de tres ducias; femias e machos de cervo, cervos deitados e cervos asustados, botándose á carreira; cervos tantos e tan preto como nunca antes vira.
Todos eles están aí fóra, e deben andar flipando.

odio

Ás veces cando cae un día atravesado, e hoxe foi laboralmente moi atravesado de diola, dáche de súpeto por odiar o país en que vives. Crúzaste cun coche, e pola xanela aberta leva un cu espido sentado de fóra, e ódialo. E bates no súper cun vello con camisa de camuflaxe e barba de seis días, e ódialo, quizais porque sabes que está a piques de sacar unha escopeta e cargarse a todo o mundo no corredor dos conxelados. É cando perdes pé, cando te decatas de que xamais chegarás a falar coma eles, que nunca sentirás o que senten eles, de que nunca te liarás con ese, meu deus, ese pedazo de anxo da igrexa libre de chucheland que fai unha interminable cola no caixeiro. É cando te decatas de que existe ese eles.
Así que necesitas chegar á casa e cruzarte co vello albert, que che saúda sorrindo e che fai unha broma, ese albert que anda sempre a fedellar na hortiña e que cando lle preguntas qué tanto traballas, albert, diche: e qué vou facer? sentar a agardar pola morte?

2014

Glasgow 2014Dentro dunhas horas, en colombo, unha boa presada de ministros de deporte de botsuana, san cristovo, gales, australia e países así escollerán cal é a sede dos Xogos da Commonwealth en 2014, que pra quen non saiba, son a maior manifestación deportiva do mundo despois dos Olímpicos de vrao. As sedes candidatas son unicamente Abuia, a capital de nixeria, e Glaspop.
En realidade, ese grupiño de ministros de deporte estarán facendo algo máis ca optando por concederlle os Xogos por primeira vez a un país africano ou por dárllelo a esta malta de bárbaros rubios; estarán probablemente mudándolles o futuro a moita xente, e quizais tamén a min. Se sae nixeria nada, pero se escollen a glaspop o 2014 pasará a ser un fito persoal, profesional e deportivo, e asemade unha excelente data pró despegue: en agosto de 2014 debería estar recollendo as cousas e elixindo, co pasaporte británico debaixo do brazo, se prefiro vivir no leste ou no oeste.

Actualización.
Glaspop tivo sorte. Poñemos proa a 2014.

proximidade

Nas escasas 150 iardas que hai dende a oficina en que traballo ata o ximnasio onde fago esgrima, faltoume o pelo dun carneiro pra atropelar na escuridade do serán, un despois do outro, a:

  • un raposo que andaba a fozar nas papeleiras
  • tres apiroladas chirlíders que saían á carreira do ximnasio vestidas co uniforme oficial (un escote con algo de verde e de branco)
  • unha ducia longa de mozotes en gravata, cheos coma piollos, que se estaban despindo completamente ao lado do lago malia a evidente e implacable xiada

Nesta terra, calquera segundo é especial.

eleccións 3

Como non me podo resistir, e con algunha escusa gramatical, pídolles aos meus clientes que me falen de política e das eleccións de mañá. Sorprendentemente, resúltame unha mostra moi representativa.
• o progre, ese que di que a súa actriz favorita é catherine deneuve, entre os laboristas e os conservadores queda cos laboristas, e afirma que lle interesan as políticas sociais
• o friqui, que baixa esporadicamente dunha galaxia lonxana onde gasta a vida e as ideas combatendo os soldados do exército imperial, vai votar nacionalista
• o incatalogábel, un self-made-man con cara de tendeiro de mafalda ou de borracho nocturno ou de xogador de rugbi, votará os liberais porque non lle gustan nin os laboristas nin os conservadores
• o macarra da cadeaza de ouro ao pescozo non vai votar, porque non sabe nada de política.
• das tías, ningunha vai votar. Unha peloura traballadoriña do norte de irlanda di que votaría verde, pero que como non é escocesa… A outra di que non sabe, que os políticos son todos uns mentireiros, e que cando vota faino polos conservadores porque é o que fan na familia.
Insisto: a democracia é xenial.

mariña

Como mañá teño que visitar unha empresa que está algo lonxe, fun alugar un coche de véspera ao sitio habitual. Foi un día intenso, de moito tecolear, e cando me sentei ao volante decidín roubar un respiro e liscar quilómetros: puxen proa ao leste no panel de mandos do fiesta, porque tiña gana de ver o mar.
A estrada era estreita e silenciosa, e ao chegar ao primeiro aparcadoiro fronte a auga botei pé a terra. O recendo dos sargazos, a torre da central térmica de longannet, o longo paseo ao sol frío da ribeira, as aves lonxanas beliscando a area, os chíos dos carráns, a máquina de fotos sen batería, a soidade… iso é culross, unha aldeíña feituca onde os nenos xogan e os maiores beben cervexa na taberna.
Iso é culross, e eu aí vin caer a tarde.

d.o.

Osos de chucheXa sei como chamarlle a este país: os dous corredores do tesco dedicados a patacas fritidas, os tres dedicados a chocolates e galletas de chocolate, os catro dedicados a bebidas gasosas de distintas cores, o que está ateigado de pasteis, e os dous dedicados a lambetadas e lambonadas varias (enfeites para pasteis, gominolas, iogures larpeiros e patacas fritidas conxeladas) son inequívocos.
Vivo en Chucheland.

wildlife, 3

Erguémonos tarde, e con moita calma Barataria e eu poñémonos a andar ata vila-marple, por un carreiro entre os prados. Queremos alugar un coche destes que andan ao revés. Despois dun par de intentos caros, poñemos proa de pikanto cara ao norte, visitamos algunhas aldeas e vilas que parecen canadá e baixo unha impenitente choiva chegamos á paisaxe extraordinaria da Terra Alta. Non se pode dicir nada: só ver. Só sentir o recendo da auga dos lagos, aquí, acolá, a friaxe por baixo do polar vermello, as luces de nadal que avanzan mentres o día se extingue, rapidamente, nas rúas xiadas de fort william.
Ao día seguinte mudamos oeste por leste, e as montañas polos dondos outeiros de prados e ovellas. Algún castelo (pechado por vacacións dos propietarios), algunhas ruínas e pouco máis interesante có vendaval e a paisaxe. E aberdeen. Coa noite saímos de alí ata stonehaven, pra despedir o ano cunha procesión de bólas de lume, manipuladas no aire por ferrotes escoceses en kilt (eles) e en pantalón de chándal (elas), e pra gustar da sarabia, do frío e das costeletas da comarca.
Co aninovo viramos índa máis cara ao norte, cara a outros lugares e vilas tamén solitarias, onde só permanecían abertos os teiquegüei de comida hindú, ou árabe, ou nin iso. E despois noite, os cantís, e o bruar dun mar lonxano, o do norte, e máis arriba as órcadas e as shetland, e noruega. Así que cando devolvemos o pikanto quédanos fame de ver, e paseamos uns 18 quilómetros a andar polas montañas de aquí preto, polos seus campos de antigas batallas, polos soutos dos faisáns. Pasamos un río, miramos prás ovellas que nos miran como carneiros, saudamos ciclistas recortados contra a neve das montañas, detémonos ante o furor dos 4×4. É inverno.
Porque nesta terra de escocia tamén é todo paisaxe (agás traxe, paxe e garaxe).