Arquivo de tags

ferretobaras

De sempre pensei que iso de foder ben ou mal non existía, e que en realidade os ferretes tiñan máis que ver coa sintonía e coa lonxitude de onda que coa habelencia técnica. Pero despois do enésimo ferrete estraño (por non dicir horrible) que boto cun británico, empezo a pensar que existe algo xenético ou climático que fixo que se concentrasen nesta illa todos os malos fodedores.
E iso que o escocés Chris, un noviño profe de lingua que vive na aba dun outeiro próximo, é bastante espilido e compensa o zoupón dos seus movementos coa imitación dos meus e, sobre todo, con toneladas de cariño, directamente proporcionais ao tempo que vai dende que outro home entrou neste piso, ciscado de dvds de batman, cables de playstation e obras completas de shakespeare.
E todo vai case normal ata que nos achegamos ao remate. De súpeto entra en convulsión, e mira pra min, saca os ollos das órbitas e pon esas caras que poñen os británicos cando queren dicirche que estás facendo algo terriblemente erróneo pero a súa educación non lles permite reprobarcho. Eu dubido se quizais lla estou apertando demasiado, ou se ao mellor o estou triscando cun cóbado ou co xeonllo… pero non: cando é demasiado tarde descubro que lle ten un pánico total á visión do seme. Destraga todo cos seus movementos, cae a rolos sobre min e logo, na súa quenda, cubre a piroliña coa man pra que ninguén vexa o único que hai que ver. Fugazmente, sen tempo de resposta, mete un chimpo, desaparece e aparece cunha toalla. Hixieniza todo con velocidade e xa, aparentemente pulcro, déitase ao meu carón. Apértame, e eu síntolle a calor e confórtame a presenza de obxectos, libros e carteis por riba da súa liña de ombros. Pero o pracer, aquilo que realmente viña buscando, non podo lembralo.