Arquivo de tags

caza

Escena de cazaA sorte de traballar nun complexo industrial coma este é que me podo beneficiar de cousas totalmente imprevisíbeis que suceden a só uns metros da miña empresa. Onte, por exemplo, fastiado xa de mirar pró computador, arranquei pra unha conferencia sobre as grandes cazarías que se fixeron no Reino Unido entre a época vitoriana e a primeira guerra. O título xa era suxestivo, O medre e a mingua da gran cazaría, 1850-1914, pero o resultado foi do máis fascinante ao que teño asistido. Sentámonos nunha aula baleira, repartíronnos libros da época pra que lles mirásemos os santos, abriron unhas botellas de viño italiano e o profesor comezou a falar, pousada e melodiosamente, da caza e da xente que, nese antigo tempo, botaba a vida (agás os domingos) a cazar nos montes escoceses e nas chairas inglesas, deses lores e baróns de nomes delongados que anotaban (e pagaban) ata 10.000 aves dende agosto, cando comezaba a tempada do lagópodo, ata decembro, en que remataba a do faisán.
Por alí apareceron escenas de todo tipo, anécdotas cos criados, expedicións que duraban semanas, paisaxes, primeiros ministros, asociacións de caridade e festas de convite que tiñan como propósito o tráfico de influencias en Londres. Pero chegou a gran guerra e os mozotes do campo, eses que criaban na casa o faisán e a perdiz pra ceibalos ás escopetas, marcharon á fronte. A poboación das aves caeu en picado, e o lagópodo, o único que se cazaba bravo, non puido soster da práctica: ao mesmo tempo, as cidades medraban contra o campo, aumentaban as taxas de contaminación atmosférica e as granxas, que conseguiran boa parte dos seus ingresos coa caza, tiveron que dedicarse a outras cousas. Cando os canóns bélicos calaron, a sociedade de lores e baróns tampouco tiña xa a forza de antano, e pouco rédito se obtiña cunhas festas que, grazas aos coches, xa non duraban semanas, senón o tempo xusto de ir e vir dende a capital.
E así como as perdices minguaban entre as carqueixas, así esvaía tamén o mundo vitoriano e as imaxes que este conferenciante, maxicamente, creara ante nós.