Arquivo de tags

comunismo, 4

Despois dun súpeto troco de plans, boto unha mañá enteira rapando na herba do xardín que me encargaron. Como se trata de preparar o terreo pra que pase a máquina cortadora, teño que rapar ben a ras do chan, o que resulta altamente fatigoso. Logo das súas boas catro horas dándolle ao fouciño alí estaba un colector cheo de herba, trevos, algúns cardos, unhas herbas baixas e pinchudas que non sei como se chaman e un par de litros de sangue procedentes do meu dedo medianiño. Pousei o fouciño no colector da herba e marchei, pensando en voltar hoxe.
Mentres tanto, os homes do lixo pasaban pola casa e recollían os colectores que, atentamente, a veciña puxera na beirarrúa. Nun deles ían trevos, algúns cardos, unhas herbas baixas e pinchudas, un par de litros de sangue e un fouciño.

O comunismo está en extinción, é inútil, provoca derramamentos de sangue e ao remate camúflase co lixo.

comunismo, 3

Hoxe, con orixe nalgures preto de atenas, quizais xinzo, quizais maceda, trouxo o correo da súa maxestade un fouciño da ghalleira, perfectamente rematado e afiado, cun fermoso mango de madeira sen vernizar.
Practicamente ao mesmo tempo, o encargo de rapar a herba no xardín esvaece. Uns profesionais vanse ocupar dese labor e o fouciño resulta inútil. Usareino eu, os días que me apeteza, pra recoller unha pouca herba seca coa que equilibrar a achega de nitróxeno do meu composteiro. Como hobby privado.

comunismo, 2

Polo que respecta á busca de fouciños nas ferraxerías de barcelona, o comunismo tamén está extinto por aquí.

comunismo

Pídenme que me encargue de cortarlle o céspede a unha casa deshabitada das aforas de vila-marple: debería ir cada quince días e pasar a cortadora emprestada por un veciño. O veciño está de acordo, pero advirte de que o céspede está tan alto que vou necesitar antes pasarlle unha rozadora. E rozadora non temos.
Ábrenseme tres posibilidades:

  1. mercar eu mesmo a rozadora, pra usala unha única vez. Miro algúns modelos de ata 50 libras, pero só valen pra darlle retoques ás esquinas: unha rozadora minimamente competente triplicaría ese prezo.
  2. alugar unha rozadora, ila buscar sabe deus onde, levala a esa casa das aforas non sei ben como, e volvela ao seu sitio.
  3. mercar un fouciño.

Destas tres posibilidades, a máis complexa resulta ser a terceira. Logo de nove ferraxerías e centros de xardiñería tratando de explicarlles a persoas de menos de corenta anos o que é ese obxecto descoñecido chamado fouciño, ríndome. Non só non teñen, senón que non están dispostos a pedir semellante old-fashioned ferramenta ao único provedor que os subministra. É imposíbel cortar a herba nesta illa sen consumir gasoil ou enerxía eléctrica.
Xa non existen os fouciños. Ata tal punto está acabado o comunismo.