Arquivo de tags

españa

Imitando o vello Paleón, reproduzo aquí un fragmento real de conversa de messenger.

El: hola
Eu: ola. quen ves sendo?
El: q tal? como?
Eu: que che pregunto que quen es… que non lembro ese nick teu
El: soy un chico gay que esta caliente. Tu eres portugues? O gallego?
Eu: non, galego. Ti?
El: español. Eres portugues? Brasileño?
Eu: que no, que soy gallego.
El: pues habla en español pa que te entienda. O si quieres te hablo en catalan o valenciano
Eu: entiendo perfectamente el catalán, así que puedes hablarlo. Y estaría bien que cuando pidieses que te hablasen un idioma lo hicieras por favor, no?
El: menudo gilipollas estas echo, nacionalista seguro que eres, vete a apagar los fuegos que provocais.
El mudou de estado para Desconectado.

violonchelo

Vou con Barataria visitar algunha das aldeas negras do norte de Guadalajara. Aquí só teñen pan fresco aos sábados. Acolá vive unicamente o todoterreo do segurata contratado polo concello pra evitar os expolios das semanas baleiras.
Contra o despoboamento destas casas de lousa traballan algúns homes. Jesús, que é amigo de Barataria, convídanos á súa pequena casa encalada, sérvenos uns chourizos e unha tortilla pra cear e fálanos do curso que impartiu sobre iniciativas turísticas de desenvolvemento rural. Amigo del, o mesoneiro de Valverde aproveita as horas que lle quedan libres entre cliente e cliente pra ensaiar co violonchelo.
Non me queda claro se atacan ou defenden.

carmencalvo

O probe consolo de contactar a produción cultural española é a comprobación de que o noso nivel está ao par có deles. Por exemplo, cando decido explorar a fantástica ampliación que lle fixo Nouvel ao reinasofía. Ademais do edificio, só moi parcialmente aproveitado, o meu obxectivo é a mostra do fotógrafo Alfred Stieglitz. Pero máis ca unha mostra é un almacén de obras del e dunha chispa de pintores que expuxeron na súa galería novaiorquina. Confusa, sen criterio aparente, sen explicación e sen guía, a exposición camufla e despreza as imaxes baixo un pano de refraccións imposíbel. Resulta ben máis proveitoso mercar o catálogo. De paso vexo a de Oteiza, comisariada con xeito, pero que non me atrae aló gran cousa e unha de arte contemporánea mexicana, bastante interesante malia o seu carácter antolóxico.
Á tarde imos ao teatro ver Roberto Zucco, que monta o Centro Dramático Nacional (de hespaña): actores malos e peor dirixidos, estrelas da tv que non son capaces de abandonar os xestos e as frases das súas teleseries, escenografía sobrante, redundante e gratuíta, un famoso actor hipergalego ou imaxes de fistfucking pra escandalizar vellas son parte da trama conspiratoria contra un texto fabuloso que só ergue a obra cando lle deixan coller aire. Afortunadamente, o centro dramático nacional, anque o pagamos todos, non xira por provincias.